Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 26 de septiembre de 2016

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA DESTINA MÁIS DE 134.000 € ÓS CONCELLOS PARA O FOMENTO DA IGUALDADE E A PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO




Trátase da primeira convocatoria de subvencións en materia de igualdade que beneficiará a 33 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión da primeira convocatoria de subvencións destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero. En total, esta subvención achegará máis de 134.000 € a 33 concellos da provincia.

A Deputación de Pontevedra, con esta iniciativa que se desenvolve por vez primeira, ten por obxectivo traballar en estreita colaboración cos concellos, por ser o nivel máis próximo á cidadanía e polo coñecemento que teñen da súa poboación, para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Grazas a esta achega, 33 concellos da provincia de Pontevedra con poboación inferior ós 20.000 habitantes -tal e como asegurou a Presidenta da Deputación Carmela Silva- “poderán levar a cabo proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; sacar adiante iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; fomentar proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero, fillas, fillos e persoas dependentes ó seu cargo; impulsar actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; levar a cabo proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; sacar adiante accións encamiñadas á elaboración do plan municipal de igualdade, así como as orientadas á difusión e avaliación do mesmo; fomentar actividades dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e profesional; impulsar proxectos de prevención e sensibilización no eido educativo dirixidas ó alumnado, profesorado e familias co fin de dotar de estratexias educativas para o fomento da igualdade de trato e oportunidades así como levar a cabo campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade”.

Os concellos beneficiarios desta primeira convocatoria de subvencións en materia de igualdade son Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, A Cañiza, Catoira, Cotobade, Cuntis, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Poio, Pontecaldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño e Valga.

No hay comentarios:

Publicar un comentario