Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

miércoles, 28 de septiembre de 2016



Sheila García, natural de Barro, ao igual que resto da súa familia, é unha nova arquitecta de mente inquieta. Ao vivir en primeira persoa a sangría de habitantes da súa aldea, así como o desaproveitamento duns espazos rurais que foron desprazados cara unha especie de esquecemento, decidiu por as mans e a cabeza a traballar e elaborou una proposta de proxecto que viu a luz, hai un par de semanas, baixo o nome de Especies de Espazos.
-¿Como nace o seu proxecto de recuperación?
-Era algo que viña tendo na cabeza dende hai un tempo e nace ao comprobar a vida do rural. Unha constante perda de patrimonio, falta de equipos, de material, da despoboación... Decateime que faltaban lugares onde a xente puidera quedar, reunirse. Ao mellor non nun núcleo como San Antoniño, pero o resto de aldeas de arredor carecen desta idea de espazo físico. Incluso un sendeiro coma o Camiño Portugués non está aproveitado polos veciños.
-¿E que propón?
-Moi resumidamente, poderíamos falar da idea de crear unha rede que aglutine espazos onde os veciños poidan reunirse, pasear, ou realizar calquera idea ou tema que propoñan, sen a necesidade dun gran presuposto, simplemente debemos aproveitar o que temos, darlle unha volta.
-Unha idea que xa se materializou e que botou a andar hai uns días.
-Exacto. A fin de semana do 17 de setembro, en Agudelo, fíxose unha actuación na vella escola unitaria da zona. Non era un edificio totalmente abandonado, pero tampouco estaba o suficientemente ben como para servir de lugar confortable. A escola pechou as portas no 74, coa construción dun centro máis grande no centro de Barro. O seu uso na actualidade estaba limitado a algún curso, como colexio electoral... Fixérase ata unha fogueira dentro.
-¿E que realizou por el Especies de Espazos?
-Poñelo en valor. Buscarlle unha nova vida e usos. ¿Como? A través de varios talleres. Co nome Transforma, deseñouse a través do reciclaxe o novo mobiliario do edificio. A xente non sabe o que poden dar de si un palé e unhas táboas. Con As cores do rural, para tapar os rastros desa fogueira interior, pintouse un mural que simbolizara os cores das diferentes estacións e aproveitamos para sacar a parte máis artística do proxecto, partindo do branco do inverno ao colorido amarelo do verán. Logo, nunha parcela preto da escola pintamos uns pneumáticos, creamos unhas parrillas que poidan favorecer pequenas comidas e festas que alí se fagan. Por último, contactamos con cinco poñentes para falar sobre iniciativas de éxito, innovadoras e sostibles.
-Obviamente non o fai vostede soa.
-Non, claro. Tamén hai un investimento obtido para o colectivo Rural Vivo a través da Xunta, no programa Iniciativa Xove. A sorte conseguiu que o proxecto saíra adiante e tamén contamos coa axuda do Concello de Barro, que se mostrou moi receptivo e ilusionado coa proposta.
-¿E como respondeu a xente?
-Foi impresionante, a verdade. Claro, agora toca pensar nos seguintes movementos. Veu xente a participar e a escoitar e saber do proxecto. Os veciños son os primeiros en saber cales serán as próximas actuacións, pero aínda as estamos estudando. ¿Seguiremos? De seguro serán na mesma liña. Moitos nos preguntaban se soemos facer estas cousas -rí-, polo que non deben dársenos moi mal.
-¿Que é o mellor de Especies de Espazos?
-O máis importante desta acción non é que vexa a luz na cabeza dunha persoa, se non que moitas mans fan que saia cara adiante. Neste primeiro paso contamos con 25 voluntarios, Algúns viñeron dende Tui, outros de Ourense para escoitar as charlas.
-¿Xa contempla cal será a próxima recuperación?
-Cada vez que dou unha volta vouno pensando. Prefiro non adiantar nada. O único lema que sigo é xente con sitios, sitios con xente. Así debería ser sempre.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/barro/2016/09/27/span-langgldebemos-aproveitar-temosspan/0003_201609P27C4991.htm

No hay comentarios:

Publicar un comentario