Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 11 de diciembre de 2016

ETHEL VÁZQUEZ DESTACA O MARCADO ACENTO SOCIAL DOS ORZAMENTOS DA CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA PARA 2017, QUE MEDRAN NUN 5% E DESTINAN 9 DE CADA 10 EUROS A INVESTIMENTO REAL PARA AS PERSOAS




A conselleira compareceu no Parlamento para explicar o destino dos 390 millóns de euros que xestionará o seu departamento o vindeiro ano e que concentran os maiores incrementos nas áreas de vivenda e mobilidade

§        Salienta que as contas de 2017 volven apostar polo reequilibrio territorial cun 44% máis de investimento per capita ás provincias interiores que ás atlánticas
§        Remarca o incremento dun 9% do orzamento para mellorar a mobilidade dos galegos, iniciando en agosto a reordenación do sector do transporte público coa integración de servizos e a implantación de servizos á demanda
§        “Trátase de levar o autobús, ou microbús, ou taxi, onde sexa preciso cando sexa preciso”, apunta
§        Pon en valor o aumento do 4,3% da partida do Plan de Transporte Metropolitano para a posta en marcha das áreas de Pontevedra e Ourense e para o programa Xente Nova, co que  31.000 menores de 19 anos viaxan gratis no interurbano
§        Salienta que o investimento previsto para as intermodais permitirá iniciar as obras das tres primeiras estacións en 2017
§        Subliña a redución do 17,3% do gasto financeiro en materia de vivenda, un departamento que aumenta nun 8% a súa capacidade de investimento, con 10 millóns de euros para facilitar o acceso a un fogar reforzando as medidas existentes e creando outras como o programa ‘Rehaluga’
§        Avanza o reforzo dos programas de prevención da exclusión residencial e a construción de vivendas de promoción pública en Vigo, A Coruña e Ourense, onde tamén se desenvolverán obras de rehabilitación no casco vello, ao igual que en Betanzos, Lugo e en Mondoñedo, a través do novo programa ‘Rexurbe’
§        Destinaranse 40 millóns á conservación da rede autonómica de estradas e ao aseguramento do Plan de Vialidade Invernal
§        O vindeiro ano a Xunta investirá 22 millóns de euros para avanzar na execución da autovía do Morrazo, prevéndose o remate do primeiro treito, o impulso do segundo e o inicio do terceiro tramo
§        Executarase unha mellora das estradas cunha partida para o Plan de Reforzos de Firme, dotada con 15,5 millóns, que permitirá actuar en 700 km

Santiago, 9 de decembro de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destaca o marcado acento social dos orzamentos do seu departamento para 2017, que medran nun 5% e destinan 9 de cada 10 euros a investimento real para as persoas. Así o sinalou hoxe durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para presentar as contas da consellería para o vindeiro exercicio.

Vázquez Mourelle concretou que estes presupostos contribúen de xeito notable ao equilibrio territorial, posto que as provincias interiores percibirán un investimento per cápita un 44% maior que as atlánticas.

Posta en marcha da reordenación e modernizacion do transporte público
A conselleira subliñou que o vindeiro ano impulsaranse ás infraestruturas de transporte pero, especialmente, a calidade dos servizos de viaxeiros, xa que un transporte público que dea resposta ás necesidades reais converte un conxunto de concellos limítrofes nunha área metropolitana e fai do rural un lugar máis interesante para vivir.

A Xunta está a asumir o que poida ser o maior reto en materia de transporte público de viaxeiros de Galicia dos últimos tempos: a reordenación e modernización deste sector. Dos 19,3 millóns de euros que recolle o proxecto de orzamentos para a Dirección Xeral de Mobilidade, destinarase case un millón aos estudos por zonas e en agosto de 2017 xa se comezarán a implantar os primeiros servizos de acordo con este novo esquema.

O obxectivo final desta iniciativa é acadar servizos eficientes que dean resposta real a demandas reais, xa que un autobús baleiro non é sostible economicamente, ambientalmente nin socialmente. “Trátase de levar o autobús ou o microbús ou o taxi onde sexa preciso cando sexa preciso”, indicou a conselleira.

Ampliación do Plan de Transporte Metropolitano
O Goberno galego tamén continuará apostando polo Plan de Transporte Metropolitano, ao que se destina o 54% do orzamento neste capítulo, cun incremento orzamentario do 4,3% para o programa Xente Nova, grazas ao que 31.000 menores de 19 anos xa viaxan gratis no transporte metropolitano interurbano gratuíto.

A Xunta tamén traballará para estender os beneficios do Plan de transporte metropolitano nas áreas nas que aínda non está implantado – Ourense e Pontevedra – e amplialo a máis concellos, comezando por esixir ao Concello de Vigo que cumpra os compromisos asinados.

Cómpre destacar que no que se refire a investimentos nesta materia, pasouse de 6 millóns en 2014 a 10,5 en 2017, unha clara aposta pola extensión das vantaxes do plan de transporte metropolitano, das que xa desfrutan en 65 concellos  que supoñen a metade da poboación de Galicia e que rexistra máis de un millón de viaxeiros cada mes.

A Consellería de Infraestruturas tamén contempla para o vindeiro exercicio a mellora do acceso das liñas interurbanas ao centro das cidades, en colaboración cos Concellos e de cara a achegar as persoas ao seu destino final, eliminando transbordos innecesarios. Ademais, implantarase un sistema de axuda á explotación que permitirá aos usuarios coñecer a oferta en tempo real a través dunha aplicación móbil e poñeranse en marcha novas vantaxes do billete integrado tren+bus para mellorar a conectividade dos nosos aeroportos.

Impulso da intermodalidade nas sete cidades
Ethel Vázquez reiterou o compromiso do seu departamento co impulso das intermodalidade entre os distintos sistemas de transporte nas sete cidades galegas, un obxectivo compartido coa propia Comisión Europea e para o que xa hai consignados 51 millóns de euros plurianuais grazas ao traballo feito cos fondos FEDER.
Concretamente en 2017 destinaranse preto 1,7 millóns para acadar neste ano aos estudos, proxectos construtivos e iniciar as obras das tres primeiras estacións intermodais.

Reforzo das partidas para facilitar o acceso á vivenda
A responsable de Infraestruturas salientou a redución do 17,3% do gasto financeiro en materia de vivenda, un departamento que aumenta nun 8% a súa capacidade de investimento, con 10 millóns de euros para facilitar o acceso a un fogar, reforzando as medidas existentes e creando outras como o programa ‘Rehaluga’.

No que se refire aos programas sociais, seguiranse impulsando as 12 medidas adoptadas pola administración autonómica para conseguir que ningunha familia galega se vexa privada do dereito á vivenda por non poder pagar a súa hipoteca ou o alugueiro.

Cómpre lembrar que o Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias, que xa deu cobertura ao 100 por cento dos solicitantes que cumprían os requisitos, continuará ofrecendo as mesmas garantías no futuro.

A Xunta tamén continuará coa promoción pública da vivenda, tanto a través da construción de novos inmobles, como coa rehabilitación de edificios existentes. Destinaranse 3,1 millóns para construción de vivendas de promoción pública en Vigo, A Coruña e Ourense.

O Goberno galego creou o Bono de Aluguer Social, para a atención a quen non ten capacidade para pagar o alugueiro da súa vivenda, e xa son preto de 200 as familias que se benefician desta axuda. A proposta de  orzamento para 2017 prevé unha convocatoria por 2,2 millóns, cun incremento de máis do 46% .

Ethel Vázquez sinalou que se dará un novo impulso ao Programa de Vivendas Baleiras. Un total de 26 concellos xa se acolleron ao programa con medidas que fan interesante incluír no mercado do alugueiro social vivendas que actualmente están desocupadas.

Incremento do 19% dos fondos de rehabilitación
Outro punto clave no eido da vivenda é a rehabilitación, tal como amosa o orzamento para 2017 que comprende para este fin un total de 29,13 M€ cun incremento do 19% para dar continuidade das áreas de rehabilitación integral, entre as que destaca a Área dos Camiños de Santiago, que supoñen unha aposta clara pola cooperación entre institucións e particulares que medra máis do 31  % respecto de 2016.

Coas cifras anteriormente mencionada tamén se poderá potenciar o Programa Rexurbe, no que se aglutinarán as obras de rehabilitación directa realizadas directamente e que en 2017 abordará obras nos cascos históricos de Betanzos, Mondoñedo, Ourense e Lugo (Tinería).

A conselleira adiantou que o próximo ano crearanse dous novos programas de rehabilitación: de antigas Vivendas Mestres e outros oficios e Rehaluga, axudas para a restauración de vivendas para incorporar ao programa de Vivendas Baleiras complementándoo ao animar aínda máis aos propietarios.

A Xunta promocionará o solo residencial, no que a principal novidade corresponde  San Paio de Navia, en Vigo. En 2017 continuarase coa adquisición de solo e iniciaranse as obras da primeira fase da ampliación, cunha dotación de 5,5 M/€.

Ademais, prevese que Xestur faga as achegas correspondentes á urbanización do parque ofimático – 1,9 M€ - cando o Concello da Coruña retome as obras.

Aposta renovada por facilitar o acceso ao solo empresarial
A Xunta continuará ofrecendo solo con bonificacións do 30 ou 50 por cento, así como en réxime de dereito de superficie, con cotas anuais practicamente simbólicas.  As bonificacións aplicadas permitiron que o Instituto Galego da Vivenda e Solo e Xestur adxudicasen máis de 708.000 metros cadrados de solo entre 2015 e 2016 e grazasa isto, estanse a mobilizar un investimento inducido de máis de 430 M€ e a creando máis de 14.000 postos de traballo.

Para novas actuacións en solo empresarial, na proposta de orzamento 2017 inclúense 18,13 M€ destinados á PLISAN, onde continuarán as obras da primeira fase dos servizos xerais, xa adxudicadas, e a urbanización da zona Loxístico-Empresarial (LE), cunha dotación de 12,8 M€; o remate de obras de urbanización nos parques empresariais de Quiroga e Taboada, con 1,2 M€; e prevese retomar o parque empresarial de Morás, en Arteixo, iniciando a execución dunha primeira fase do mesmo, cun orzamento de  4 M€.

Novo impulso á vertebración do territorio
A Axencia Galega de Infraestruturas aumenta un 2,1% o investimento a través de programas orzamentarios, apostando por seguir vertebrando Galicia a través dunhas vías de alta capacidade que melloran a mobilidade e liberan tráfico das zonas urbanas; garantindo a mellor conservación da rede viaria de titularidade autonómica; e priorizando a mellora da seguridade viaria para todos os usuarios das estradas, sobre todo, para os máis vulnerables, como son os peóns e os ciclistas:

Vázquez lembrou que a rede de alta capacidade acadará os 520,96 km nos vindeiros días coa posta en servizo do treito Celeiro – San Cibrao da VAC da Costa Norte, uns quilómetros nos que tamén suman os 27 da Autovía da Costa da Morte que hoxe xa é unha realidade.

Para os vindeiros anos esta rede continuarase estendendo, e ademais mellorará a súa calidade, xa que cómpre subliñar o maior esforzo investidor no ano 2017 para a Autovía do Morrazo, con 22 M€, dado que coincidirán as obras dos tres treitos, cumpríndose así o compromiso para a execución desta infraestrutura. Os orzamentos permiten a licitación, adxudicación e inicio das obras do treito III, unha vez xa redactado o proxecto construtivo, e mentres, poñerase en servizo o treito I e avanzarase na execución do treito II.

Ademais, o proxecto de orzamentos permitirá avanzar noutros eixes que se prevén desenvolver nesta lexislatura: na redacción dos proxectos construtivos da conversión en autovía do corredor Nadela – Sarria, da continuidade da Autovía da Costa da Morte e da VAC Tui – A Guarda, entre outros.

Outra actuación para a que tamén se segue coa súa programación prevista é coa conexión entre o polígono de San Cibrao e a A-52 e ademais, iniciaranse en 2017 as obras da Variante de Aradas, en Santiago, cuxa licitación terá lugar nas vindeiras semanas.

Conservación de estradas e reforzo dos firmes    
A Consellería de Infraestruturas mantén blindadas as súas contas para garantir a seguridade nas estradas, polo que uns 40 millóns destinaranse á conservación da rede autonómica de estradas e aseguramento do Plan de Vialidade Invernal.

Tamén o vindeiro ano se executará unha intensa campaña de mellora das estradas autonómicas, cunha nova partida orzamentaria específica para o Plan de Reforzos de Firme, dotada con 15,5 M€, que permitirá actuar en 700 km dos 5.500 km da rede autonómica.

No ano 2017 tomará un importante pulo a execución das obras planificadas, cunha previsión de investimento de máis de 10,5 M€ para o Plan de Sendas de Galicia. Traballarase en moitos máis itinerarios, destacando por sinalar algúns as sendas entre Carballo e Bértoa, a pasarela sobre a mesma estrada na zona de Agrela en A Coruña, ou entre Gondomar e Ramallosa no Val Miñor. Este Plan permitirá habilitar no ano 2020 os 170 quilómetros que prevé o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016 - 2020.

No hay comentarios:

Publicar un comentario