Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

miércoles, 18 de enero de 2017

A XUNTA CHAMA A EXTREMAR A PRECAUCIÓN NAS ESTRADAS ANTE A BAIXADA DE TEMPERATURAS





O Goberno galego mantén activo o Plan de Vialidade Invernal coa disposición de 54 quitaneves e 52 silos de acopio de fundentes para evitar incidencias na rede viaria autonómica por mor da presenza de neve ou xeo



§         Os traballos de vialidade invernal consisten na realización de tratamentos preventivos con maquinaria de extensión de fundentes para evitar a formación de xeo e na retirada da neve acumulada
§         O obxectivo destas medidas é garantir a vialidade na rede viaria, de xeito que se permita a circulación nas condicións máis seguras e cómodas posibles
§         O dispositivo anticípase aos episodios de baixas temperaturas e realiza tratamentos preventivos dende tres días antes de que sucedan
§         Este tratamento preventivo compleméntase cos percorridos diarios que levan a cabo os vixiantes de conservación para a comprobación do estado da rede autonómica de estradas

A Xunta, que mantén activo o Plan de Vialidade Invernal dende o pasado mes de novembro para evitar incidencias na rede viaria autonómica por mor da presenza de neve ou xeo, fai un chamamento a extremar a precaución nas estradas ante as condicións meteorolóxicas adversas para os vindeiros días.

A Consellería de Infraestruturas ten en marcha o dispositivo necesario para resolver as posibles incidencias viarias que poidan ocasionar os episodios de neve ou xeo nas estradas autonómicas.

O obxectivo destas medidas é garantir a vialidade na rede viaria autonómica, de xeito que se permita a circulación nas condicións máis seguras e cómodas posibles. Para isto, disponse dun operativo con 54 quitaneves e 52 silos e puntos de acopio de fundentes, entre outros recursos, para levar a cabo estas tarefas.

Os traballos de vialidade invernal consisten na realización de tratamentos preventivos para evitar no posible a formación de xeo con maquinaria de extensión de fundentes e tamén no despexe e retirada con maquinaria de empuxe da neve ou xeo que se poida chegar a acumular.

Procedemento
Para anticiparse aos posibles episodios de baixas temperaturas e co obxecto de prever a realización de tratamentos preventivos cunha antelación aproximada de tres días, durante o período de vialidade invernal, o persoal encargado da conservación de estradas consulta diariamente as previsións de institutos meteorolóxicos coma Meteogalicia ou o Instituto Nacional de Meteoroloxía sobre a cota de cero grados, a cota de neve e as temperaturas máximas e mínimas e a humidade previstas.

Este seguimento compleméntase cos percorridos diarios da rede autonómica que levan a cabo os vixiantes de conservación, que comproban o estado das estradas, informando aos seus responsables sobre o mesmo.

Cando as temperaturas mínimas son baixas e a humidade relativa elevada, analízase a necesidade de aplicación dun tratamento preventivo, consistentes no seguinte:

  • Esparexemento de fundentes con sal ou salmoira (mestura de sal mariña e auga), que se realiza cos camións quitaneves, con dotacións baixas, nos treitos nos que se sexa frecuente a aparición de placas de xeo.
  • Control especial das zonas problemáticas, e repetición do tratamento se se detecta que a calzada queda ‘lavada’ (por exemplo no caso de fortes choivas), e perde o tratamento anterior.

Estes tratamentos preventivos soen ser efectuados, en xeral, en horario nocturno e entre as 20:00 h e as 08:00 h, en función das necesidades de cada subzona. Cando se detecte a presenza de placas de xeo nalgunha estrada complementarase o tratamento anterior co esparexemento de fundentes con dotacións máis altas. En caso de neve na calzada, procederase ao paso da coitela quitaneves e á inmediata extensión de fundentes (sal ou salmoira). Realizarase posteriormente un control intenso das estradas afectadas por si fose necesario realizar sucesivas aplicacións destas medidas.

Os equipos de conservación teñen itinerarios para a realización dos tratamentos preventivos ou de limpeza establecidos en base á experiencia, que poden axustarse en función da información transmitida diariamente polos vixiantes ou os responsables da empresa conservadora en situacións determinadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario