Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 4 de febrero de 2017

FEIJÓO AVANZA QUE O PLAN FUNCIONAL DO HOSPITAL PÚBLICO GRAN MONTECELO ESTARÁ LISTO EN MAIO E QUE AXILIZARÁ PRAZOS PARA TENTAR LICITALO A FINAIS DE 2018






§      Precisa que para acadar este fin, a Xunta executará de forma simultánea o contrato de elaboración do plan sectorial, do levantamento topográfico e do proxecto básico e proxecto construtivo
§      Refírese ao Gran Montecelo como un exemplo de que os grandes compromisos da Xunta en Pontevedra teñen prazos e presupostos
§      Lembra que no novo edifico xudicial da Parda, en plena execución, se están a investir 20 millóns de euros para que estea finalizado en 2018
§      Sobre a redefinición do antigo edificio da rúa Benito Corbal, di que a licitación se levará a cabo este ano, para poñer á disposición dos pontevedreses e da Universidade de Vigo un edificio céntrico de 6.000 metros cadrados
§      Subliña que o trazado da variante de Alba está aprobado e acordado e espera poder sacar o proxecto a exposición pública neste mes de marzo
§      Expón a vontade da Xunta de acometer o saneamento da ría de Pontevedra a través dun investimento de 45 millóns de euros
§      No eido do deporte, tanto o alcalde como o presidente da Xunta acordan levar a cabo a construción dun novo pavillón de ximnasia deportiva

 O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe tras unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que o Plan funcional do Hospital público Gran Montecelo estará listo en maio e que se axilizarán os prazos para tentar licitalo a finais do ano que vén.

Cun investimento de 140 millóns de euros, Feijóo precisou que para acadar este obxectivo, e logo da presentación do plan funcional, a Administración autonómica intentará executar de forma simultánea o contrato de elaboración do plan sectorial, do levantamento topográfico e do proxecto básico e proxecto construtivo. “Se somos capaces de licitar de forma conxunta todos estes contratos, poderemos estar en condicións de licitar a ampliación do Hospital de Montecelo a finais de 2018”, incidiu, recoñecendo que se trata dun prazo “ambicioso”, no que tamén hai que ter en conta a vía que o Concello se compromete a facer, o saneamento e o abastecemento.

Durante a súa intervención, o responsable autonómico lembrou que na pasada lexislatura, en materia de sanidade pública se mellorou o Hospital Provincial, coa apertura de tres novos quirófanos,se rematou a construción do novo centro de saúde da Parda e se sentaron as bases para a construción do Gran Montecelo, 90.000 metros cadrados máis de hospital. “Sabemos o que queremos facer en Pontevedra e imos traballar nesta lexislatura para iso. Arrancamos con proxectos concretos, con calendario concreto e con presupostos concretos para poder acometer nesta lexislatura os grandes asuntos que afectan a cidade”, afirmou, destacando como principais eixes de actuación: o Gran Montecelo, o novo edificio xudicial, a remodelación do edificio administrativo de Benito Corbal, a variante de Alba e o saneamento da ría, entre outros.

Nova residencia de maiores
O titular do Executivo autonómico trasladou tamén o compromiso de seguir traballando pola mellora dos servizos sociais, como proba a posta en marcha dun novo centro de día para persoas con alzhéimer, que supuxo a creación de 40 novas prazas públicas, e o incremento das prazas da Galiña Azul nun 127%, coa creación de tres novas garderías públicas. E avanzou o obxectivo de licitar nesta lexislatura unha nova residencia de maiores no termo municipal, para o que se proporá nas vindeiras semanas un plan director ao Concello.

No eido do deporte, tanto o alcalde como o presidente da Xunta acordaron levar a cabo a construción dun novo pavillón de ximnasia deportiva. Unha infraestrutura que, cun investimento conxunto de entre 2,5 e 3 millóns de euros, dará servizo aos clubs pontevedreses, ademais de poñerse á disposición da alta competición.

Infraestruturas e saneamento integral da ría
Ao longo da reunión, ambos os dous mandatarios avaliaron a situación actual das obras do novo edifico xudicial da Parda, en plena execución e no que se están a investir 20 millóns de euros para que estea finalizado en 2018. E valoraron a redefinición do antigo edificio da Xunta na rúa Benito Corbal, cuxa licitación se levará a cabo este ano para poñer así á disposición dos pontevedreses un edificio céntrico de 6.000 m² entidades e asociacións sociais, para os servizos que requira a Universidade de Vigo para o Campus Crea e para concentrar as oficinas de emprego da Xunta.

En materia de infraestruturas, Feijóo lembrou que o trazado da variante de Alba está aprobado e acordado. “Logo de remitir o proxecto ao Consello, esperamos poder sacalo neste mes de marzo a exposición pública”. Sobre a estación intermodal recordou que serán necesarias catro actuacións diferenciadas: a conexión entre as estacións de autobuses e do tren; a rehabilitación integral da actual estación de autobuses –propiedade da Xunta-; a mellora da zona de aparcamento da estación de autobuses así como un novo acceso –solicitado polo Concello- desde a rúa Josefina Arruti para mellorar todo o contorno de conectividade.

O responsable do Goberno galego tamén expuxo ao alcalde a vontade da Xunta de acometer o saneamento da ría de Pontevedra a través dun investimento de 45 millóns de euros. Unha obra que cualificou de “difícil” porque é necesario construír un emisario submarino, mellorar a depuradora de Placeres e que implica aos concellos de Marín e de Poio. Xunto con isto, propuxo ao alcalde a incorporación efectiva do concello ao Plan de vivendas baleiras.

Neste momento, dixo, para as grandes infraestruturas “temos presuposto e prazos ambiciosos” para abordar conxuntamente co Concello. “Hoxe temos enfocada a lexislatura para Pontevedra. Sabemos o que imos facer”, engadiu. “Estou convencido de que nesta lexislatura todas as cousas que acabamos de referir se poden ou finalizar ou deixalas en execución co prazo que hoxe o alcalde máis eu acabamos de comprobar”, concluíu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario