Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 4 de febrero de 2017

O TEMPORAL CAUSA DIVERSOS DANOS EN COLEXIOS, ESTRADAS E EDIFICIOS ADMINISTRATIVOS NA ÁREA DA DELEGACIÓN DA XUNTA EN PONTEVEDRA



§                     O delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, destacou que dous centros educativos tiveron que suspender as clases mentres permanece cortada a estrada PO-534 ao seu paso por Forcarei a causa da caída dunha torre de alta tensión
§                     Tamén se contabilizaron numerosas caídas de árbores en estradas autonómicas, pequenos danos nos edificios xudiciais por rotura de ventás e no propio edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra e no Hospital de Montecelo polo voo dunha das pranchas de revestimento

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá as numerosas incidencias que o temporal desta pasada noite causou sobre estradas autonómica así como en centros sociais, xudiciais e educativos da provincia.
Sen dúbida, cabe destacar a estrada PO-308, ao seu paso polo Concello de Sanxenxo, na zona da Lanzada, xa que as condicións meteorolóxicas adversas da pasada noite  causaron a rotura da pasarela peonil que se atopa en obras. O forte vento levantou 140 metros desta infraestrutura, polo que, dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, estase a buscar a mellor solución para lastrar a pasarela e evitar que esta situación se repita.
A nivel de estradas, segundo apuntou Cores Tourís, atópase pechada a estrada PO-534 que enlaza Lalín con Folgoso ao seu paso polo concello de Forcarei no Candán, a causa da caída dunha torre de alta tensión de Red Eléctrica. “Os cables caeron sobre a estrada e a compañía eléctrica está xa a traballar para solucionar esta avaría. Por seguridade pechouse a estrada e desviouse o tráfico por outras vías. Agárdase que mañá poida restablecerse a circulación”.
No resto de estradas contabilizáronse caídas de árbores, pedras, postes e cables de luz e, nalgúns casos, restos de tellados.
No eido dos centros educativos, o máis afectado é o IES Chan do Monte de Marín, que tivo que suspender as clases polo levantamento da cuberta de Bacharelato e ESO. As clases non se retomarán a lo menos ata o próximo martes. No CRA de Caldas de Reis tamén tívose que suspender as clases nunha unidade por seguridade, trala caída dunha árbore sobre o tendido eléctrico. Os CEIP de Soutelo de Montes en Forcarei, de Sobrada en Tomiño e o EEI Donramiro de Lalín víronse afectados pola falta de luz eléctrica, e o IES de Poio tivo que adiantar a saída dos alumnos ante o perigo que supuña a pouca estabilidade das tellas da cuberta. O CEIP de Riomaior en Vilaboa tamén tivo incidencias pola falta de electricidade así como pola caída de tellas no patio. No CEIP Vilaverde Mourente de Pontevedra tamén se viu afectada a cuberta pola caída dunha árbore, así como o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces onde caeron chapas doutro edificio no patio do centro. A cuberta do edificio de Infantil do CPI da Cañiza tamén viuse afectada.
Os edificios do Hospital de Montecelo así como da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra tamén rexistraron incidencias co voo de varias pranchas dos seus revestimentos de aluminio nas fachadas. No caso de Montecelo estase xa a reparar os danos mentres na Delegación Territorial procederase a soltar unha rede de protección para asegurar as pranchas. No edificio administrativo da Avenida de Vigo en Pontevedra tamén producíronse incidencias ao voar varias tellas cerámicas da cuberta e romper unha ventá que produciu filtracións.
Os técnicos xa estiveron toda a mañá a reparar os danos causados polo forte vento nalgunhas ventás do edificio xudicial de A Parda en Pontevedra, así como tamén nestes intres estase a traballar na Casa de Pontecaldelas que sufriu danos na súa cuberta ao dobrarse a chapa metálica. No centro do Saiar tamén se viron afectados por goteiras e desprendemento de paneis do falso teito dunha aula e a Oficina de Emprego da Cañiza tivo que ser desaloxada e acordoada ante a caída de pranchas do tellado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario