Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 16 de febrero de 2017

ROMÁN RODRÍGUEZ DESTACA AS VANTAXES DE FORMACIÓN, INNOVACIÓN E INSERCIÓN LABORAL QUE OFRECE A FP





§  O conselleiro de Cultura e Educación participou na inauguración da sexta edición de Edugal, o salón da oferta de educación e formación de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou as posibilidades de formación e alta cualificación, así como de innovación e inserción laboral que ofrece actualmente a Formación Profesional galega, con motivo da inauguración da sexta edición de Edugal 2017. Neste salón da oferta de educación e formación de Galicia, que cada ano atrae a centenares de estudantes galegos que buscan orientación sobre os estudos superiores, o responsable do departamento educativo do Goberno galego explicou que hoxe, a FP caracterízase pola súa “calidade, dinamismo, empregabilidade e o número de posibilidades para a recualificación profesional e a formación continua”. 

A maiores do conselleiro, o acto tamén contou coa participación do presidente da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (AEMPE), Jose María Corujo; da deputada provincial Digna Rivas; da concelleira de Benestar Social e Educación, Carmen Fouces; e do presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa. Trala inauguración, os asistentes realizaron un percorrido pola feira, na que a Consellería de Cultura e Educación dispón dunha caseta específico sobre Formación Profesional. Así mesmo, tamén asistiron o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares.

O conselleiro tamén se referiu á aposta decidida da Xunta de Galicia por incrementar ano a ano a oferta de FP Dual, así como por seguir potenciando os viveiros de empresas nos centros educativos, favorecendo en ámbolos dous casos o contacto directo co mundo empresarial e a empregabilidade dos mozos e mozas. Ademais, lembrou o impulso a iniciativas e proxectos innovadores mediante convocatorias de premios e congresos e, de feito, anunciou a celebración da segunda edición do congreso Innova FP Galicia, que se celebrará o vindeiro mes de maio tralo éxito alcanzado o ano pasado.   

O programa de actividades
A feira, que se prolongará xoves e venres, contará coa participación do CMUS Manuel Quiroga –que se encargará de varias actuacións musicais–, co CIFP A Granxa de Ponteareas e co CIFP Carlos Oroza, que se ocuparán da parte gastronómica; así como coa Escola de Imaxe e Son de Vigo, que ofrecerá unha sesión discoteca e videomapping.

Ademais, profesores e alumnos do IES Chan do Monte de Marín exporán mañá a súa experiencia no programa “Erasmus +: Formación práctica en Europa”. Así mesmo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) organizará un obradoiro de vestiario teatral. O programa de actividades complétase con varias charla de orientación universitaria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario