Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 18 de marzo de 2017

A DEPUTACIÓN CONVOCA UNHA LIÑA DE AXUDAS PARA FESTIVAIS MUSICAIS E DE ARTES ESCÉNICAS




Esta liña, dotada cun orzamento de 120.000 euros, está destinada a persoas físicas e xurídicas sen ánimo de lucro da provincia que realicen certames musicais e teatrais de recoñecido prestixio
Priorizarase a programación e difusión da música e do teatro galego e os festivais deben ter ao menos dúas edicións consecutivas nos tres últimos anos

A Xunta do Goberno provincial aprobará mañá as bases de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para apoiar o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas na provincia de Pontevedra durante o exercicio 2017. Esta liña, que está dotada cun orzamento de 120.000 euros, está especialmente concibida para promover certames que difundan teatro e música en galego e que se levasen a cabo, como mínimo, en dúas edicións consecutivas nos tres últimos anos. Estas axudas poderán ser solicitadas por persoas físicas e xurídicas que carezan de fins de lucro, entre o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e o 17 de abril. 

Trátase dunha liña de axudas de nova creación que se convoca neste exercicio por primeira vez, co obxecto xenérico de impulsar os sectores das artes escénicas e musicais, por considerar que se trata de elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da provincia, e co fin de contribuír á promoción, protección e difusión do patrimonio cultural nestes dous ámbitos.

En canto aos requisitos específicos, os Festivais de Música deben ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito grupos, dos cales catro deben ser grupos galegos ou que teñan a presenza de máis de 15 compoñentes galegos e que se interpreten obras de autoría galega. Ademais deben incluír na programación actividades paralelas de posta en valor do sector musical galego ou de formación musical. 

Os Festivais de Artes Escénicas tamén deben ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito compañías, das cales un mínimo de tres deben ser galegas ou que se poñan en escena obras de autoría galega e que empreguen a lingua galega nas súas representacións. A programación debe incluír actividades paralelas de posta en valor do sector teatral galego ou formativas. 

En ambas modalidades, as entidades solicitantes teñen a obriga de empregar a lingua galega na comunicación nos diferentes soportes e no desenvolvemento das actividades paralelas, sen prexuízo do uso doutras linguas oficiais. 

Para adxudicación destas axudas teranse en conta criterios de valoración con respecto á ultima edición do Festival solicitante como son o número de grupos – compañías ou integrantes; a asistencia ao festival; as actividades ou accións paralelas realizadas; e as achegas propias ao proxecto. Tamén se terán en conta criterios con respecto á edición do 2017, como a antigüidade do festival; as actividades paralelas que se vaian levar a cabo; e a viabilidade do proxecto en relación á porcentaxe de subvención solicitada e orzamento total.

Quedan expresamente excluídas desta convocatoria as actividades subvencionadas noutros programas e convocatorias provinciais e os festivais e certames organizados por bandas de música, asociacións e grupos folclóricos, rondallas, agrupacións e masas corais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario