Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 4 de abril de 2017

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AXUDAS PARA A MELLORA DO MONTE MEDIANTE A CREACIÓN DE PARQUES FORESTAIS NOS CONCELLOS DA PROVINCIA





O BOPPO publica hoxe as bases para que os concellos soliciten subvencións destinadas á redacción de proxectos e ao financiamento de actuacións globais

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases das axudas da Deputación para a mellora do monte dos concellos de Pontevedra mediante a creación de parques forestais. O prazo de presentación de solicitudes finalizará dentro de dous meses, o 5 de xuño.

Na provincia de Pontevedra actualmente existen sobre unhas 31.654 hectáreas de monte raso abandonadas nas que o goberno provincial entende que é necesario levar a cabo accións de mellora para a súa posta en valor tanto a nivel social como económico mediante o desenvolvemento de proxectos de prevención, diversificación e ordenación dos montes da provincia. Baseándose na idea dos parques forestais, trátase de promover a plantación de especies frondosas e resistentes ao lume para potenciar o seu valor paisaxístico, o seu uso por parte da veciñanza e tamén para reducir os riscos de incendio.
Para lograr eses obxectivos plantéxanse dúas liñas de subvencións, por un importe de 1.200.000 euros, nas que terán cabida todos os proxectos de diversificación, ordenación, prevención e mellora do monte presentados polos concellos en colaboración coas comunidades de montes. A convocatoria destas subvencións abranguerá tanto a redacción dos proxectos dos parques forestais coma a execución das actuacións previstas neses proxectos.
A intención da Deputación é crear áreas de uso público e disfrute da cidadanía que teñan valores paisaxísticos, produtivos ou ambientais. Para garantir este obxectivo, subliñou, nas bases establécese a obriga de que sexan os concellos os que soliciten as subvencións á Deputación e non as comunidades de montes. Os concellos deben ser os garantes do uso público e, mediante convenios ou acordos coas comunidades de montes, asumir a xestión dos espazos.

Un dos principais requisitos das bases é a obrigatoriedade de que as actuacións se executen en alomenos 50 hectáreas de terreo. O financiamento por parte da Deputación será dun máximo do 80% do custe da redacción do proxecto ou da actuación proposta. O 20% restante do orzamento total, ou a cantidade que resultase de superar os límites fixados, terana que aportar os concellos solicitantes, ben dos seus fondos, ben mediante acordos coas entidades titulares do predios obxecto da actuación pretendida.

O Plan de Mellora dos Montes nace con vocación de continuidade, e que aqueles concellos que nesta primeira convocatoria aspiren a obter financiamento para a redacción dun proxecto de mellora, o vindeiro ano 2018 poderán ser beneficiarios de axudas para a execución deses programas con actuacións concretas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario