Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 13 de abril de 2017

AREEIRO ADVIRTE DA APARICIÓN DE GURGULLOS E ERINOSE NAS VIÑAS






Os técnicos da Estación Fitopatolóxica sinalan que non é preciso aplicar tratamentos a nivel xeral nos viñedos

Xa se detectaron síntomas de oidio nas maceiras e marmeleiros, de lepra nos melocotoeiros e de psila africana nos cítricos

Recibíronse consultas para tratar os buxos de toda Galiza e mesmo de Asturias

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, vén de facer público o seu último aviso fitosanitario no que sinala que están a darse os primeiros casos de erinose e de gurgullos nalgunhas viñas da provincia. Polo de agora non se teñen detectado síntomas de mildeu, excoriose ou black rot e a nivel de pragas tampouco hai incidencias destacables, o que fai que de momento non sexa preciso aplicar tratamentos. En calquera caso, noutras árbores como as maceiras, marmeleiros, melocotoeiros ou cítricos, así como nos buxos, si é preciso actuar fronte a problemas de oidio, lepra, psilas ou cydalimas, respectivamente.

Os técnicos explican que a estabilidade climática e os ventos do norte actuais supoñen condicións non favorables ó desenvolvemento dos problemas máis preocupantes no inicio de campaña. Si é conveniente sinalar que as roseiras, que nalgunhas viñas se usan como sistema de alerta para detectar o fungo no viñedo, xa se ven afectadas polo oídio, pero este é dunha especie diferente. En canto ás pragas de insectos tampouco se observan máis que algunhas follas recen estendidas con indicios de alimentación de lepidópteros e os primeiros adultos de Altica nunha das fincas de O Condado.

Os problemas actuais, céntranse, segundo a investigadora Rosa Pérez, na aparición dalgúns adultos de gurgullo diferente do pedroulo nunha viña, aínda que sen problemas destacables. En canto ós ácaros, non se ven síntomas de acariose ou araña vermella, pero si de erinose. “Sabemos que a raza deste ácaro que temos en Galicia non é, en xeral, perigosa para os viñedos pero este ano algunhas viñas novas presentan as poucas follas que teñen, é dicir, as más próximas á vara, fortemente afectadas. Conforme avance o desenvolvemento da vexetación esta incidencia reducirase, pero nestes casos convén observar a evolución das poboacións por se chegan a producir un bloqueo do crecemento”, subliña a técnica.

OUTROS CULTIVOS

En canto ás maceiras, na revisión das parcelas da rede de seguimento non se observan pragas, pero dous colaboradores informaron da aparición das primeiras colonias de pulgón lanífero. Polo que respecta ás enfermidades, só se atopan os primeiros síntomas de oídio, pero a porcentaxe de gromos afectados aínda está lonxe do limiar de tratamento.

Tamén os marmeleiros empezan a aparecer os síntomas de oídio, pero a súa presenza é puntual. Ademais, en xeral estas árbores están en floración, polo que convén non intervir para non prexudicar a polinización en si mesma e a actividade dos insectos polinizadores (abellas e abellóns).

Por outra banda, no referido ás pereiras, nalgunhas zonas as follas aparecen enroladas lonxitudinalmente debido ó ataque do instecto Dasineura pyri, “pero non hai que darlle importancia posto que non soen causar danos máis que en viveiros”, asegura Pérez. Tamén aparecen nalgunhas plantas algúns gromos secos debidos ó ataque do ‘torcebrotes’(Janus compressus), que tampouco deben ser obxecto de tratamento.

A enfermidade da lepra, endémica na zona de Pontevedra nos melocotoeiros cando hai primaveras húmidas, fai que haxa árbores afectadas debido ás chuvias caídas hai semanas. Para o control desta patoloxía son fundamentais os tratamentos invernais e sobre todo o do inicio da actividade (estado ‘botón rosa’), pero para limitar a súa incidencia pódense aplicar funxicidas autorizados do tipo dodina ou ziram.

A aparición dos gromos nos cítricos, por outra parte, está contribuíndo a que xa se empecen a observar os ovos e as primeiras ninfas de psila africana (Trioza erytreae). “Lembren que a eliminación (e destrución) destes gromos tenros é unha boa medida para limitar as súas poboacións, ó marxe das aplicacións insecticidas”, apuntan dende Areeiro.

Finalmente, é conveniente sinalar que nesta semana foron constantes as consultas recibidas en Areeiro sobre a afección da Cydalima perspectalis ao buxo, tanto da provincia de Pontevedra como de A Coruña ou mesmo de Asturias. Os produtos autorizados para o tratamento son os piretroides (de orixe química), ou o aceite de parafina e o azadiractin (de orixe natural). “Sen embargo, hai que ter en conta que é unha praga difícil de eliminar polos niños que constrúe unindo follas ou cos seus propios fíos de seda, ó marxe de polo carácter frondoso dos buxos, polo que hai que ser moi pacientes na aplicación e procurar mollar moi ben a planta, para que o insecticida alcance ao maior número de larvas posible”, destaca a técnica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario