Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 25 de abril de 2017

AREEIRO INSISTE NA IMPORTANCIA DA REVISIÓN DAS VIÑAS PARA EVITAR A INFECCIÓN POR MILDEU





Os técnicos da Estación Fitopatolóxica sinalan que a pesares de que a maioría das viñas xa recibiron un primeiro tratamento, as condicións meteorolóxicas manteñen o risco de infección por este patóxeno


A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, insiste na necesidade de revisar as viñas para evitar infeccións por mildeu. Hai que lembrar que fai unha semana se detectaban as primeiras manchas de mildeu tanto en fincas privadas como nas viñas propias de seguimento en diferentes puntos da provincia. Os técnicos da EFA aseguran que, a pesares de que xa realizou unha primeira aplicación do tratamento, seguen detectando a aparición de manchas, especialmente nas zonas menos aireadas.

Desde a EFA tamén fan fincapé en que as diferentes previsións metereolóxicas anuncian unha continuidade da situación climática dos últimos días, pero con temperaturas diúrnas e nocturnas máis baixas, o que sitúa o nivel de risco en relación a esta enfermidade como medio. Así, os técnicos recomendan vixiar se os tratamentos efectuados lograron frear a infección, e renovar as aplicacións nos casos en que se atopen manchas con esporulación variable. Lembran que hai que ter en conta que os acios se atopan nun momento de moita sensibilidade a este patóxeno e que unha mala protección das plantas pode dar lugar a ataques nos acios en formación e, por tanto, a perdas de colleita xa no inicio da campaña.

En canto ao oídio tamén o risco é medio para as variedades máis sensibles, como son as variedades tintas habituais na provincia. As condicións de luz dos últimos días, con néboas nalgunhas zonas e con nebolusidade, unidas aos orballos da noite e primeiras horas do día, son favorables a este fungo.  Como todo parece indicar que estas condicións van continuar nos vindeiros días, os técnicos cren conveniente incrementar a vixilancia sobre as variedades máis sensibles.

En canto á couza da mazá, os técnicos indican que xa se están producindo nalgunhas trampas de feromonas as primeiras capturas desta especie que, ademais, tamén pode afectar á pereira, ao marmeleiro, e á nogueira. Posto que o número de machos recollido é diferente segundo a zona ou mesmo segundo a parcela, desde a EFA non fan unha recomendación xeral. O que si indican é que neste momento do ciclo da mazá se deberá aplicar tratamento se nas trampas de feromonas se recollen máis de tres machos por semana.

Tamén alertan sobre a aparición das primeiras colonias de pulgón negro na cerdeira que, aínda que de momento non presenta gran relevancia, si é importante que se vixíen nas plantacións novas para evitar o enrolamento das follas. Por último, detectaron unha importante presenza de adultos de mosca branca nos cítricos. Nos casos en que se observen na maioría dos gromos, recomendan aplicar un tratamento para evitar o nacemento das ninfas e a instalación dos fungos de fumagina que manchan as plantas e perturban a fotosíntese.

Pontevedra, 21 de abril de 2017
Saúdos
Gabinete de prensa

No hay comentarios:

Publicar un comentario