Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 26 de mayo de 2017

MATO RECORDA QUE A PERMANENCIA DE ENCE ESTÁ AVALADA POLA LEI DE COSTAS





  • A conselleira de Medio Ambiente sinala que as DOT e o POL fixan unha protección paisaxística para os terreos de Lourizán no momento no que se produza o traslado da pasteira, escenario que mudou en 2013 coa aprobación da Lei de Costas estatal e a posterior decisión do Ministerio de ampliar a concesión a Ence
  • A Xunta defendeu que Ence non se podía quedar na ría de Pontevedra a calquera prezo e asinou un Pacto Ambiental que prevé un investimento de 200 millóns de euros e actuacións encamiñadas á mellora das instalacións e da actividade industrial a favor da protección do medio ambiente
  • Avanza que en 2018 deberá someterse a unha nova avaliación das condicións ambientais, se quere continuar coa súa actividade tal e como tamén establece Europa cunhas condicións cada vez máis esixentes

Santiago, 24 de maio de 2017.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, recordou esta tarde que a permanencia de Ence na ría de Pontevedra réxese pola Lei de Costas, polo que a Xunta de Galicia debe respectar o ámbito competencial do Goberno Central.

Así o afirmou esta tarde no Parlamento de Galicia, onde aclarou que actualmente as Directrices de Ordenación do Territorio ou o Plan de Ordenación do Litoral non poden ordenar, forzar ou impoñer a saída de Ence, pois será cando remate o prazo de concesión cando se deba proceder á recuperación dos terreos que ocupa como espazo verde.

Indicou que é certo que as DOT e o POL, documentos aprobados en 2011, fixaban unha protección paisaxística para os terreos de Lourizán e facíano cando o traslado da pasteira estaba previsto para o 2018; pero ese escenario mudou en 2013 coa aprobación da Lei de Costas estatal e coa posterior resolución do Ministerio, no marco dun procedemento administrativo xa pechado, de ampliar a concesión a Ence.

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que a Xunta emitiu un informe (demandado polo Estado), no que os técnicos certificaron que a empresa cumpre coa autorización ambiental concedida en 2008 e engadiu que -unha vez que o Estado toma a decisión de ampliar a concesión- a Xunta asume a responsabilidade de traballar para que a permanencia da planta se produza coas máximas garantías ambientais e beneficie ao máximo posible non só a cidade de Pontevedra, senón tamén á súa comarca.

Esas esixencias plasmáronse nun Pacto Ambiental que prevé un investimento de 200 millóns de euros e que recolle actuacións encamiñadas á mellora das instalacións e da actividade industrial a favor da protección do medio ambiente.

Asemade, asegurou que a Xunta estará vixiante con que se cumpra todo o estipulado no pacto ambiental asinado entre as dúas partes e sobre todo de que se “cumpra co disposto na autorización ambiental integrada” e engadiu que os informes técnicos reflicten o estrito cumprimento da autorización ambiental.
Lembrou que é unha esixencia irrenunciable se quere continuar coa súa actividade, aspecto que tamén establece Europa cunhas condicións cada vez máis esixentes e avanzou que antes de finalizar o ano 2018 deberá someterse a unha nova avaliación das condicións ambientais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario