Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 29 de septiembre de 2017

‘DE CHISPA A TATÁ’ LEVA OS BOLECHAS A BARRO, CALDAS DE REIS E CASTRO CALDELAS CO ‘FALAREDES’ DA XUNTA







§  A nova actividade está pensada para rapazada de entre catro e dez anos e pon a proba a habilidade física e os coñecementos culturais sobre Galicia
§  O espectáculo percorrerá ata o 5 de novembro 21 concellos galegos
§  Como é habitual neste programa de dinamización, a entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos

 O ‘FalaRedes’, programa que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), fará parada esta fin de semana nos municipios de Barro, Caldas de Reis e Castro Caldelas. Os protagonistas serán Os Bolechas, os personaxes máis coñecidos pola rapazada galega, que nesta ocasión traen unha nova actividade que leva por nome ‘De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas’. A primeira das paradas desta fin de semana será o sábado, ás 12:00 horas, no concello de Barro (Nave da Música). Ese mesmo día, ás 19:00 horas, haberá outro pase da actividade en Caldas de Reis (Auditorio Municipal). Por último, o domingo, ás 17:30 horas, os Bolechas daranse cita no Polideportivo Municipal de Castro Caldelas.

Na nova proposta dos Bolechas, Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

15 concellos máis ata novembro
A participación non se limita ao día do espectáculo, senón que ten continuidade a través das novas tecnoloxías. Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web osbolechas.gal/dechispaatata para seguir xogando e aprendendo e mais para conseguir ata 20 lotes dos seus libros.

Ata o 5 de novembro Os Bolechas percorrerán outros 15 municipios: Triacastela, Quiroga, Rianxo (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte), Pazos de Borbén, A Bola, Frades (en colaboración coa Mancomunidade da Comarca de Ordes), Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove. Toda a información xa está dispoñible no enlace http://www.lingua.gal/dechispaatata.

FalaRedes 2017’
A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, en todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

O calendario de funcións e espazos está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario