Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 30 de noviembre de 2017

PRETO DE 500 PERSOAS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA EN 7 EXCURSIÓNS DO PROGRAMA “EN RUTA COA DEPO”





Veciñas e veciños de seis concellos da provincia de Pontevedra realizarán visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico

O programa da Deputación de Pontevedra “En Ruta coa Depo” organiza para esta semana sete novas saídas que contan coa participación de preto de 500 persoas de diferentes asociacións da provincia. Estas excursións, que terán lugar entre este venres e o domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Para comezar, mañá, 1 de decembro, iniciarase a actividade de “En Ruta coa Depo” con “Camelias do Mar”, un percorrido que permitirá a un grupo de 108 persoas do Fogar do Maior do concello de Caldas de Reis visitar o Pazo de Rubiáns, A Saleta e o Pazo Quinteiro da Cruz.

Xa o sábado terán lugar catro novas excursións nas que participarán preto de 215 persoas. En concreto, 54 persoas da AA.MM.RR. de San Xurxo de Vea, da Estrada, farán unha ruta cultural por Salvaterra de Miño e Arbo, visitando o Conxunto histórico de Salvaterra, o parque da Canuda, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e as pesqueiras do Miño. Pola súa banda, 52 persoas da AA.MM.RR. “A Fátima” Moreira da Estrada percorrerán o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da Costa de Soavela, Cabo Home e Udra e o Museo Massó en Bueu. Amais, 54 persoas do Centro Socio-Comunitario de Vilaxóan en Vilagarcía de Arousa percorrerán o castro de Santa Trega na Guarda, o espazo fortaleza de Goián en Tomiño, o conxunto histórico de Tui, monte Aloia e Alto dos Cubos.

Tamén o mesmo sábado, 2 de decembro, outras 54 persoas da Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo de Valladares, de Vigo, realizará unha ruta interxeracional polo parque da natureza do Río Barosa en Barro, o parque arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, as fervenzas de Raxoi e Pedrafita en Valga e a área recreativa e praia fluvial de Ponte Valga.

En canto ao domingo, serán preto de 145 persoas as que participarán nas dúas excursións organizadas. Por unha banda, 53 persoas da Asociación Cultural Deportiva Gharaboto de Marín realizarán unha visita ao conxunto histórico de Salvaterra de Miño, ao parque da Canuda, ao Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e ás pesqueiras do Miño en Arbo.  Amais, outras 90 persoas da Asociación de Nais e Pais San Martiño de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, realizarán un percorrido polo centro Castrodeza de Lalín, polo Museo Municipal Ramón María Aller, polo pazo de Liñares, o Museo Galego da Marioneta e a Casa do Patrón.

O programa “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario