Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 1 de diciembre de 2017

O PLAN DIRECTOR DO CAMIÑO DE SANTIAGO CENTRARÁ OS INVESTIMENTOS EN 2018 NO CAMIÑO PORTUGUÉS E NO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA






§  Nava Castro participou hoxe na Mesa do Camiño de Santiago en Pontevedra, onde quedou de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia cos itinerarios xacobeos desta provincia, nos que se intensificarán as melloras e iniciativas o próximo ano
§  A directora de Turismo de Galicia sinalou que 2018 “suporá un antes e un despois para o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa” cara ao Xacobeo 2021
§  Ambas as rutas experimentaron un salientable crecemento e xa representan en conxunto máis do 22% do total de peregrinos que percorren o Camiño de Santiago
§  O Camiño de Inverno conta desde este outono cunha nova guía divulgativa, á que se engadirán as futuras accións contidas no cronograma previsto pola Xunta

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na Mesa do Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra, onde avanzou os numerosos recursos que a Xunta de Galicia investirá en 2018 no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa. O Plan director do Camiño de Santiago, seguindo o calendario previsto, dedicará o próximo ano a estes dous itinerarios, con diferentes accións de mellora tanto nos trazados como nos seus recursos e infraestruturas, a súa promoción e divulgación.

Esta xuntanza, a segunda no que vai de ano despois da celebrada o pasado mes de maio, reuniu os representantes das administracións implicadas nos catro camiños de Santiago que percorren Pontevedra: a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e os concellos polos que discorre o Camiño Portugués, o Camiño Portugués da Costa, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. Como lembrou Nava Castro, os itinerarios oficiais en Pontevedra multiplicáronse por dous o pasado ano grazas á aprobación da nova Lei do patrimonio cultural de Galicia.

“O compromiso de Turismo de Galicia coa ruta xacobea na provincia de Pontevedra vaise intensificar dun xeito importante o próximo ano”, declarou Nava Castro, quen afirmou que o 2018 “suporá un antes e un despois para o Camiño Portugués e para o Portugués da Costa”.

De feito, os orzamentos autonómicos para o vindeiro exercicio teñen en conta o proxecto de acondicionamento e sinalización de ambos os itinerarios, como xa fixera desde 2015 o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra-Muxía. Estas medidas redundan na seguridade dos peregrinos e melloran a súa experiencia e acollida. No mesmo eido, acordouse solicitar ao Ministerio de Fomento, como parte da liña de traballo iniciada, seguir afondando na implementación de novas medidas que favorezan a peregrinación.

Haberá, así mesmo, programas de dinamización cultural, iniciativas de promoción, accións para escolares ou exposicións divulgativas, que potenciarán estas rutas pontevedresas.

Accións xa desenvolvidas
Nava Castro tivo oportunidade tamén de repasar algunhas das accións desenvolvidas ao longo deste ano, como o reforzo da sinalización provisional dos novos itinerarios oficiais, as melloras nos albergues para os peregrinos con diversidade funcional ao abeiro do Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago ou iniciativas promocionais que divulgaron estas rutas entre axentes, xornalistas ou blogueiros de países como Irlanda, China o Brasil.

A elas, engádese a nova guía do Camiño de Inverno presentada recentemente. Tanto esta ruta como a Vía da Prata tamén están incluídas no cronograma do Plan director do Camiño de Santiago, de xeito que chegarán completamente preparadas ao próximo Xacobeo 2021.

Grazas a todas estas medidas estase acompañando o crecemento do Camiño Portugués, que xa é o segundo máis elixido polos peregrinos despois do Camiño Francés. Nos últimos anos non deixou de incrementarse a súa relevancia a partir do proceso de diversificación de fluxos que a Xunta de Galicia está a promover co Plan director do Camiño de Santiago, que pon en valor as nove rutas xacobeas por terra que percorren a Comunidade galega.

En concreto, no que vai de ano fixeron o Camiño Portugués máis de 58.500 peregrinos, un 17,8% máis que no mesmo período do 2016. No caso do Camiño Portugués da Costa, a suba é de ata o 181%, ao pasar, coa súa oficialización, de 2.600 peregrinos a máis de 7.200. En conxunto, ambos os itinerarios xacobeos reciben máis do 22% do total de camiñantes. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario