Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 19 de enero de 2018

GALICIA SUPERA O SEU RÉCORD DE TRANSPLANTES DE ÓRGANOS E ACADA AS 340 INTERVENCIÓNS DURANTE O ANO 2017





§  A nosa comunidade rexistrou 113 doadores de órganos no pasado exercicio, a cifra máis elevada da súa historia
§  Salientar a substancial diminución de case sete puntos, con respecto ao 2016, da taxa de negativas familiares á doazón para situarse nun 21,5%

O Servizo Galego de Saúde acadou no pasado ano 2017 unha cifra récord de 340 transplantes de órganos nos seus hospitais, a máis elevada desde que se iniciou a actividade transplantatoria en Galicia. Do total de transplantes, 160 foron de ril; dos cales 31 procedían de doante vivo, 105 de fígado, 1 de páncreas, 26 de corazón e 48 de pulmón. Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2017, xa se levan feitos en Galicia un total de 7.585 transplantes de órganos.


Transplantes de órganos
Ano 2016
Ano 2017
Ril
135
160
Fígado
91
105
Páncreas
5
1
Corazón
29
26
Pulmón
39
48
Total
299
340

No 2017, rexistrouse un importante peso do transplante de ril de doador vivo, que se incrementou ata un total de 31. Dende 2001, realizáronse un total de 279 transplantes neste apartado. O 19,4% do total de transplante de ril en Galicia procede de doador vivo. Ademais, as taxas de transplante de corazón, fígado e pulmón atópanse por riba de media nacional.

Doadores de órganos
O número de doadores de órganos cadáver en Galicia se situou en 113 (64 na provincia da Coruña, 6 na de Lugo, 7 na de Ourense e 36 na de Pontevedra); dato co que Galicia rexistra o mellor ano en número de doantes nun exercicio, o que supón que haxa 41,9 doantes por millón de habitantes.

No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (77%), sendo a porcentaxe de doadores por accidente de tráfico de tan só un 3%. Con respecto á idade media do doador, foi de 62 anos.

A taxa de negativas familiares situouse o pasado ano 2017 nun índice de 21,5%, unha das cifras máis baixas desde o inicio da actividade transplantatoria e que rexistra unha diminución de preto de sete puntos con respecto ao ano anterior. Así mesmo, salientar que, actualmente, en Galicia 107.649 persoas teñen tarxeta de doador. Destas, 4.140 son novas tarxetas realizadas no 2017 pola Coordinación de Transplante de Galicia de ADOS, cifra que supuxo un crecemento do 37,6% con respecto exercicio precedente.

Polo que se refire á doazón de medula ósea, salientar que Galicia acadou o obxectivo establecido polo Plan Nacional de Medula Ósea, rexistrando 1.499 novos doadores. Deste xeito, Galicia conta con máis de 9.000 doadores de medula ósea rexistrados, o que supón un incremento do 20% desde a posta en funcionamento do Plan Nacional.

Programa educativo
Doutra banda sinalar que a Coordinación de Transplante de Galicia realizou 103 charlas a escolares no curso académico 2016-2017 para fomentar a doazón nun total de 85 centros educativos de 45 concellos, e nas que tomaron parte un total de 5.307 escolares. Así mesmo, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abrangueu a 14 centros con 773 escolares e 47 profesores. A este programa engádense as visitas guiadas ata as instalacións de ADOS nas que tomaron parte 19 centros de ensino secundario e universitario e no que participaron 615 estudantes.

Ademais, convocouse, no pasado curso escolar, o II Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea, no que participaron un total de 5 traballos elaborados por 12 estudantes universitarios, así como o V Concurso de Curtametraxes sobre doazón e transplante, no que tomaron parte 59 alumnos de 11 centros procedentes de oito concellos diferentes.

Actividade formativa
A Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS continuou a desenvolver, ao longo do pasado ano, o programa de formación especializado en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia. Mediante o desenvolvemento de tres seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de doazón e sete cursos sobre proceso de doazón e transplantes, ofreceuse unha formación altamente especializada a 232 profesionais sanitarios.

O Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) queren facer un recoñecemento público aos doadores e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles. Tamén queren agradecer ao conxunto da sociedade e dos profesionais dos hospitais galegos, xa que son os que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan en Galicia

No hay comentarios:

Publicar un comentario