Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

miércoles, 14 de febrero de 2018

A DEPUTACIÓN ÁBRE O PRAZO PARA QUE AS ENTIDADES DA PROVINCIA SOLICITEN A SÚA PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA “DEPO EN MARCHA 2018”



A iniciativa, impulsada polo servizo de Cohesión Social e Xuventude para o fomento do envellecemento activo, contará cun orzamento de 120.000  euros

Dende este mércores 7 de febreiro estará aberto o prazo de presentación das solicitudes para participar en “Depo en Marcha 2018”, programa da Deputación de Pontevedra promovido polo servizo do Cohesión Social e Xuventude e dirixido principalmente á terceira idade.

As entidades da provincia interesadas neste programa poderán facer a súa solicitude ata o vindeiro 26 de febreiro tendo en conta que concederase un obradoiro, de 30 horas e para un máximo de entre 20 e 25 persoas, para cada entidade solicitante. Estes obradoiros terán un custo de seis euros por participante. Ditas solicitudes presentaranse no Rexistro xeral da Deputación, en calquera das súas oficinas de rexistro e no Rexistro electrónico sede.depo.es, de conformidade co establecido no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

“Depo en marcha 2018”, que ten un orzamento de 120.000 euros, pretende impulsar as relacións sociais e favorecer a participación das persoas maiores en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e de cooperación social, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecendo a súa independencia para evitar o illamento e situacións de soidade.

En total, a Deputación de Pontevedra vai ofertar 100 obradoiros enmarcados en oito temáticas dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra.  A primeira temática, “Traballando coas mans”, oferta cursos sobre arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades. Pola súa banda “Entre Fogóns” inclúe cursos sobre cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e respostería e tapiñas e petiscos.

Tamén se ofertan baixo a temática “Aprendendo da natureza” cursos sobre plantas medicinais e baixo “Móvete” alternativas saudables como pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba. A temática “Activando corpo e mente” centrarase en cursos sobre a conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e do estrés. Pola súa banda, a temática “Enredando” achegará ás persoas maiores obradoiros sobre xogos tradicionais e teatro, a denominada “Dálle marcha” cursos sobre bailes de salón, pandeireta e canto popular e “En rede” formación sobre internet, correo electrónico, manexo do móbil e informática de iniciación e avanzado.

Durante o ano 2017 desenvolvéronse 152 obradoiros nos que participaron un total de 2.836 persoas da provincia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario