Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 11 de febrero de 2018

A DEPUTACIÓN DESTINA 300.000 EUROS PARA NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN DO GALEGO NOS CONCELLOS DA PROVINCIA


A aprobación dunha ordenanza municipal sobre o uso da lingua, a planificación e estabilidade dos programas, a transversalidade das iniciativas, e un mínimo de recursos propios, serán requisitos obrigatorios para optar a estas axudas
A Xunta do Goberno provincial vén de aprobar, na súa última sesión, as bases da convocatoria de axudas para a dinamización lingüística dirixidas aos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. Mediante esta liña, a Deputación ofrece dúas opcións para que os concellos, agrupación de concellos ou entidades locais menores poidan elixir entre a ‘creación ou mantemento do servizo de normalización lingüística’, ou a ‘promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego’. A Deputación achegará un 75% do orzamento de gastos do servizo de normalización lingüística, ata un máximo de 15.000 euros; mentres que para programas de dinamización do uso do galego achegará ata o 75% dos gastos de ditos programas, ata un máximo de 8.000 euros. Estas axudas, que foran convocadas por primeira vez polo actual goberno provincial no ano 2016, dobran o orzamento destinado na primeira convocatoria, acadando para o ano 2018 un total de 300.000 euros.
Entre as principais novidades introducidas destaca a aposta pola creación e mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística, opción para a que se incrementa a axuda a percibir polos concellos con respecto a anos anteriores. Mediante esta opción, os concellos poderán contratar o persoal técnico preciso para desenvolver a actividade propia dun servizo lingüístico, para o cal as bases estipulan as seguintes titulacións: grao en Lingua e Literatura Galegas, grao en Estudos de Galego e Español, grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, as licenciaturas equivalentes a eses graos ou outras titulacións superiores pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que estean en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (Celga 5).
No apartado de ‘promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego’, a principal novidade será a obrigatoriedade de aprobar unha ordenanza municipal sobre o uso da lingua. A este respecto, as bases indican que esta ‘ordenanza ou regulamento de uso da lingua galega no concello debe ser aprobada polo pleno da corporación, ou ter o compromiso da súa aprobación durante o ano 2018’. Tamén se esixe que nas solicitudes para ‘promoción de programas de dinamización’ se achegue unha memoria de todas as actuacións e accións  transversais de cada unha das áreas de goberno (a maiores da propia proposta subvencionable). En canto á proposta subvencionable, a solicitude debe incluír ao menos en tres eidos dos sete que mencionan as bases: ensino, comercio e industria, tecnoloxías da información, turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social e igualdade. Por último, entre as novidades tamén se inclúe que as propostas subvencionables deben ter un orzamento non inferior a 3.000 euros.
O prazo de solicitude destas axudas comezará ao día seguinte da publicación do extracto desta convocatoria no BOPPO e rematará o 16 de marzo de 2018.

No hay comentarios:

Publicar un comentario