Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 18 de marzo de 2018

A FUNDACIÓN CELTA DE VIGO E O REAL CLUB DEPORTIVO DA CORUÑA CHAMAN AS SÚAS AFECCIÓNS A AMOSAR A SÚA SOLIDARIEDADE PARTICIPANDO NAS CAMPAÑAS DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE






·         Os equipos galegos da máxima categoría do fútbol nacional e ADOS colaboran, desde o vindeiro 19 de marzo e ata o 15 de abril, nesta iniciativa que une solidariedade e deporte

 A Fundación Celta de Vigo, o Real Club Deportivo da Coruña e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) promoven desde o vindeiro 19 de marzo e ata o 15 de abril unha campaña especial de doazón na que, os equipos da máxima categoría do fútbol nacional, convidan a todos os seus os seguidores e seguidoras a amosar o seu carácter solidario efectuando unha doazón de sangue.

Tanto ADOS como a Fundación Celta de Vigo e o RC Deportivo da Coruña agardan que esta iniciativa sexa un éxito de participación e lembran que esta iniciativa xa tivo un destacado precedente en marzo do ano 2016 coa campaña “Imposible sen ti”. Naquela oportunidade, esta colaboración supuxo dobrar a participación de doadores e doadoras con respecto á media habitual e acadáronse 2.193 doazóns de sangue.

Agasallo solidario
Todas as persoas que acudan a doar sangue entre o 19 de marzo e o 15 de abril, tanto ás unidades móbiles como aos locais de doazón de toda Galicia, recibirán como agasallo unha camiseta exclusiva desta campaña, ata esgotar a tirada de 10.000 unidades dispoñibles, 5.000 co lema “Sangue Celeste” e outras 5.000 co lema “Sangue Galego e Corazón Branquiazul”.

ADOS quere amosar o seu agradecemento á Fundación Celta de Vigo e ao RC Deportivo da Coruña pola súa implicación con esta iniciativa na que ten unha importancia transcendental a distribución de información destinada a sensibilizar aos cidadáns da importancia da doazón de sangue.

Deste xeito, nos encontros que Celta e Deportivo disputen nos estadios de Balaídos e de Riazor, respectivamente, proxectarase no vídeo-marcador un anuncio alusivo á doazón de sangue e emitirase por megafonía unha cuña animando á participar nesta campaña.

Información e sensibilización
Por outra banda, no transcurso dos encontros que RC Celta de Vigo e RC Deportivo da Coruña disputarán esta vindeira fin de semana fronte ao Málaga e o Las Palmas, respectivamente, un equipo de voluntarios e voluntarias distribuirán entre os asistentes un folleto informativo convidándolles á doar sangue. Así mesmo, xogadores dos dous equipos de fútbol galegos, gravarán un vídeo animando a doar sangue e que será difundido en redes sociais.

ADOS quere transmitir un máis sincero agradecemento á Fundación Celta de Vigo e ao RC Deportivo da Coruña e a todos os integrantes das familias celeste e branquiazul por colaborar xenerosa e altruístamente no desenvolvemento desta iniciativa. Así mesmo, convida a toda a cidadanía a participar activamente e a seguir as distintas accións desta campaña, que serán dadas a coñecer na web: ados.sergas.es e nas redes sociais de ADOS, do Celta de Vigo e do RC Deportivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario