Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 13 de mayo de 2018

AREEIRO ADVIRTE DOS PRIMEIROS SÍNTOMAS DE OÍDIO NAS VIÑAS, MACEIRAS E MARMELEIROS




O persoal técnico destaca que só é preciso tratar se se observan síntomas

Indícase que é un momento de elevada sensibilidade ao Mildeu

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir no seu último aviso fitopatolóxico da detección dos primeiros síntomas de Oídio sobre plantas da variedade tinta nas viñas. Ata o de agora, segundo explican, o síntoma era moi  incipiente e limitábase só a un gromo da liña de plantas, mais aconséllase incrementar a vixilancia e tratar se se observan síntomas, tendo en conta que nas cepas de albariño non se advertiu aínda ningún problema a pesar de non teren aplicado aínda ningún tratamento.

Por outra parte, nesta semana o persoal técnico indica que houbo condicións relativamente favorables ao Mildeu e á súa esporulación algúns días, sendo un momento de elevada sensibilidade á enfermidade. De feito, atopouse a primeira mancha de aceite nas fincas da rede de seguimento onde aínda non tiñan aparecido e tamén noutras visitadas. “Varias destas fincas –explica a técnico Rosa Pérez-, algunha delas con dous tratamentos antimildio xa realizados, mesmo presentaban manchas ben esporuladas, o que indica que é fundamental revisar a eficacia das aplicacións”.

Neste sentido, e dado que para este fin de semana hai previsión de certa precipitación (aínda que acompañada por un descenso de temperaturas mínimas) é preciso revisar moi ben os viñedos pois se chove máis de 10 l/m2 producirase o lavado da compoñente de contacto que poida levar o funxicida que se empregou no tratamento anterior e se reducirá o período de protección dos restantes. Por outra parte, se as temperaturas nocturnas son suaves, pode haber esporulación e polo tanto contaminacións secundarias (ademais das primarias que poda seguir habendo).

Por outra parte, en relación ás couzas do acio, as capturas de Lobesia botrana nas trampas instaladas nas parcelas de seguimento son diferentes, pero en ningún caso se advertiron síntomas da primeira xeración. Si que se detectaron as primeiras capturas de cicadélidos nas trampas dalgunhas parcelas, pero a súa presenza só é moi puntual, e, en canto á erinose, esta semana víronse máis síntomas pero continúan sen acadar os niveis da campaña anterior.

Outros cultivos
A situación fitosanitaria xeral observada é boa no tocante á maceira, mais detectouse nesta semana un incremento notorio canto á presenza de síntomas de oídio nas fincas onde xa se detectara previamente. Ademais, tamén fixo a súa aparición nos gromos doutras zonas. “En todos os casos onde o observamos a porcentaxe de gromos afectados non era elevada, pero convén incrementar a vixilancia. Por outra banda, tamén detectamos nesta semana o primeiro síntoma de moteado na nosa finca de Areeiro, sobre unha maceira da variedade Golden”, advirte Pérez.

Do mesmo xeito que sucedeu noutros cultivos, nesta semana tamén se viron síntomas de oídio en follas de marmeleiro, unha especie vexetal ten variedades que son moi sensibles a esta enfermidade polo que convén dar un tratamento naquelas plantas con presenza do fungo.

No relativo ás cerceiras, víronse síntomas de cribado e Cylindrosporium  padi en diferentes zonas, aínda que a súa presenza non é importante, mais é de esperar que continúen avanzando, polo que hai que incrementar a vixilancia.

Do mesmo xeito que noutras especies froiteiras e ornamentais tamén se advertiron colonias de pulgóns en moitas cerdeiras. Salvo que se trate de variedades de uso para parques e xardíns (en cuxo caso os enrolamentos das follas xerarían unha perda na estética), en xeral non soen requirir un tratamento en planta adulta, pero si pode ser necesario en plantóns.

Finalmente, e en relación á bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis, hai que indicar que naquelas sebes que xa amosen defoliacións evidentes a causa da alimentación das eirugas desta bolboreta pódese facer unha pequena poda para estimular a aparición de novos gromos, que haberá que seguir vixiando debido a que esta especie ten varias xeracións anuais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario