Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 4 de junio de 2018

A XUNTA REFORZA A SÚA COLABORACIÓN COA MANCOMUNIDADE DE TERRAS DE PONTEVEDRA NO EIDO TURÍSTICO CUN CONVENIO DE MÁIS DE 200.000 EUROS





A directora de Turismo de Galicia, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, asinou esta mañá un acordo cos nove concellos deste xeodestino


§  O investimento para os dous próximos anos dá estabilidade a proxectos de mellora e especialización da oferta, incorporación de novas tecnoloxías ou promoción
§  Nava Castro: “Afondamos no noso compromiso coa provincia de Pontevedra no ámbito turístico, que está a mellorar o seu potencial grazas a medidas como esta”
§  Ría e Terras de Pontevedra rexistrou en 2017 a mellor cifra de turistas e de noites de hotel dos últimos seis anos, cun crecemento do 14% no número de viaxeiros

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Mancomunidade de Terras de Pontevedra que permitirá seguir mellorando o potencial turístico deste xeodestino a través da especialización e a mellora da súa oferta, da incorporación de novas tecnoloxías, así como da promoción.

O acordo supera os 200.000 euros de investimento para os dous próximos anos, dando estabilidade aos proxectos previstos nos concellos da mancomunidade: A Lama, Barro, Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cercedo-Cotobade e Campo Lameiro.

“Afondamos no noso compromiso coa provincia de Pontevedra no eido turístico, que está a mellorar o seu potencial grazas a medidas como esta”, declarou a responsable de Turismo da Xunta. Neste sentido, lembrou a evolución do xeodestino Ría e Terras de Pontevedra no pasado ano, co seu mellor dato en seis anos. En 2017, un 14% máis de viaxeiros visitaron a zona e fixeron un 9,2% máis de noites, elevando a ocupación en máis de cinco puntos.

Nava Castro felicitou ao sector por estes datos e salientou a aposta da Mancomunidade de Terras de Pontevedra polos seus recursos propios como aspecto diferenciador. Elementos característicos como a arte rupestre, xunto a outros como a paisaxe ou a gastronomía, son protagonistas deste xeodestino e así se plasma no convenio con accións de revalorización.

Arte rupestre e turismo accesible
Esta colaboración concrétase en tres liñas de acción que buscan avances na implantación e desenvolvemento das novas tecnoloxías, tanto no referente a dispositivos móbiles como na páxina web do xeodestino, e o impulso á promoción e comercialización de produtos que enriquecen o destino e favorecen a experiencia do viaxeiro. Tamén se prevén accións de creación e consolidación da oferta vinculada á arte rupestre e ao turismo accesible.

O convenio asinado permite seguir diversificando os beneficios socioeconómicos e culturais do turismo por máis concellos, un dos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, impulsada pola Xunta e o sector. Amais, busca que os galegos coñezan cada día máis o seu patrimonio e sexan conscientes da necesaria preservación cun correcto enfoque turístico. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario