Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 11 de junio de 2018

AREEIRO INSTA A RENOVAR AS APLICACIÓNS CONTRA O MILDEU ANTE NOVOS FUNGOS E ESPORULACIÓNS NAS VIÑAS




O persoal técnico aconsella aproveitar os tratamentos para incluír tamén materias activas contra a botrite   

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir no seu último aviso fitosanitario que é impresdincible comprobar os síntomas de Mildeu nas viñas e renovar as aplicacións se hai esporulación nos fungos antigos, se aparecen novos, ou se a viña ten historial ou hai condicións favorables.

O persoal técnico sinala que nas visitas realizadas esta semana aos viñedos non se detectaron novas manchas de ‘aceite’, aínda que si avances a partir de síntomas antigos, e subliña que a lixeira melloría do tempo suporá unha situación de máis risco. Por este motivo, a técnica Rosa Pérez destaca que é necesario fixarse moi ben nos acios, altamente sensibles nestes momentos, pois a estas alturas da campaña os síntomas soen aparecer uns días máis tarde que nas follas.

Como consello, ademais da necesaria vixilancia e tratamento, dende a EFA advirten que despois da floración, e tanto pensando no Mildeu como na botrite, é preciso cortar o exceso de vexetación das viñas, mantendo sempre a cuberta vexetal ben segada como algo imprescindible para evitar retencións de humidade.

En canto ao resto das patoloxías na viña, aconséllase manter un nivel alto de vixilancia para o Oídio, para a botrite e para o Black Rot. Con respecto á botrite, indícase que no caso de ter que renovar a intervención antimildeu é conveniente tamén elixir funxicidas que leven na súa composición unha materia activa con efectos contra a enfermidade. E, dado que comeza un período de elevada sensibilidade do acio ao fungo de Black Rot, tamén principios activos contra este, aínda que só en parcelas con presenza contrastada da enfermidade.

Outros cultivos
O mantemento do tempo húmido propiciou a aparición de novos síntomas do moteado nas maceiras, en especial nas follas (aínda non nos froitos) de plantas testemuña e nas variedades sensibles, polo que é recomendable renovar ó tratamento naquelas plantas susceptibles e/ou con síntomas.

Tamén é necesario manter as plantas protexidas se hai antecedentes de couza da mazá e non se efectúa un seguimento mediante trampas de  feromonas. Hai que lembrar que esta especie de  couza, ademais de afectar á maceira, tamén ataca a  pereira, marmeleiro ou mesmo a nogueira e que os danos das súas eirugas poden ser moi importantes, de ata máis do 80% de froitos atacados nalgunhas campañas e localizacións. Nas parcelas de seguimento propias da EFA e tamén noutras incrementouse nesta semana a presenza de Oídio nalgunhas variedades de maceiras, mentres as colonias de pulgóns mantivéronse estables.

En canto á cerceira, nesta semana aínda se observan máis froitos en maduración afectados por
Monilia e  botrite. Se non se aplica un tratamento antes da colleita (hai funxicidas autorizados con 3 días de prazo de seguridade) é conveniente facelo despois para eliminar inóculo de cara á próxima campaña.

Finalmente, no relativo ás plantas de horta, coa elevada humidade a nivel das plantas e do solo que hai estes días haberá que aproveitar os claros para renovar as intervencións contra o Mildeu Hai que ter en conta que se finalmente se produce unha subida de temperaturas o risco de infeccións seguirá sendo elevado pola evaporación do exceso de auga acumulado.

Buxo e frondosas
Esta semana observáronse os primeiros catro adultos da primeira xeración do ano da eiruga do buxo (Cydalima perspectalis) na finca de Areeiro, pero non noutras sebes que se estudan. Ante a gravidade das defoliacións que pode xerar este insecto é imprescindible estar atentos á aparición das primeiras eirugas para poder tratar tan pronto aparezan os primeiros síntomas.

Por outra banda, como ven sendo habitual nesta época, e pese a que as condicións de clima tan húmido non os favorecen especialmente, non é difícil ver diversas especies arbóreas de ribeira (salgueiros e ameneiros principalmente) cos típicos síntomas de alimentación de escarabellos crisomélidos. “De momento, e segundo as nosas observacións, non é alarmante”, explica Pérez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario