Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 29 de julio de 2018

A XUNTA CONVIDA Á DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA A TRABALLAR POLA MELLORA DO TRÁFICO NA PROVINCIA IMPLICÁNDOSE NA MELLORA DO TRANSPORTE PÚBLICO, A FÓRMULA MÁIS EFICAZ E SOSTIBLE




§ A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lamenta que o organismo provincial ignorase as convocatorias do Goberno autonómico para sumarse ao traballo en marcha para a modernización do transporte público en Galicia
§ Lembra que os partidos que sustentan o executivo da Deputación dificultan desde os gobernos municipais de Vigo e Pontevedra o pleno desenvolvemento do Plan de transporte metropolitano
§ Trátase dun plan social que bonifica os billetes de autobús e do transporte de ría e que permite que os menores de 19 anos viaxen gratis coa Tarxeta Xente Nova
§ A Administración autonómica está a investir máis de 80 millóns de euros neste exercicio para a mellora da seguridade viaria en Galicia, con actuacións tan importantes como a Autovía do Morrazo ou os plans de sendas das comarcas do Morrazo, Pontevedra e o Salnés, ademais da eliminación dos treitos de concentración de accidentes

 A Xunta de Galicia convida á Deputación provincial de Pontevedra a traballar pola mellora do tráfico nas vías da provincia mediante a súa implicación real na mellora do transporte público, que representa a fórmula máis eficaz, segura e sostible de evitar os atascos.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembra que as retencións de tráfico rexistradas nos últimos días, en determinados puntos da rede viaria da provincia de Pontevedra, teñen a súa orixe nun incremento moi substancial do número de vehículos en circulación nas estradas de acceso ás principais zonas costeiras da provincia, motivado pola coincidencia de xornadas festivas con boas condicións meteorolóxicas.

A Xunta de Galicia entende que o fomento do transporte público é unha medida eficaz para evitar estas situacións puntuais, e tamén para mellorar a mobilidade dos cidadáns, optimizar a fluidez do tráfico e diminuír as emisións contaminantes con carácter xeral.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lamenta que a Deputación Provincial de Pontevedra non comparta esta aposta e ignorase as convocatorias do Goberno autonómico para sumarse ao traballo en marcha para a modernización do transporte público en Galicia, mediante unha reorganización integral do mapa de liñas da Comunidade.

Ademais, a Xunta lembra que os partidos políticos que sustentan o executivo da Deputación, PSdeG e BNG, dificultan desde os gobernos municipais de Vigo e Pontevedra, respectivamente, o desenvolvemento do Plan de transporte metropolitano nas súas comarcas.

Este é un auténtico plan social que bonifica os billetes de autobús e do transporte de ría e que permite que os menores de 19 anos viaxen gratis coa Tarxeta Xente Nova.

Ademais de apostar polo transporte público, a Administración autonómica está a investir máis de 80 millóns de euros neste exercicio para a mellora da seguridade viaria en Galicia, con actuacións tan importantes como a Autovía do Morrazo ou os plans de sendas das comarcas do Morrazo, Pontevedra e o Salnés, ademais da estratexia para a eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario