Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 7 de agosto de 2018

AREEIRO ACONSELLA VIXIAR A COUZA DO ACIO NAS VIÑAS DA PROVINCIA




O persoal técnico sinala que as altas temperaturas non favorecen a propagación das enfermidades da viña derivadas de fungos pero si as ocasionadas por insectos  

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, aconsella vixiar a couza do acio nas viñas da provincia, aínda que na situación actual non recomendan tratamento. O persoal técnico da EFA indica no seu aviso fitosanitario semanal que nas revisións realizadas en diferentes parcelas, xa se evidenciaron perforacións larvarias e buracos de penetración das eirugas de Lobesia botrana, o insecto causante da couza, mais indican que os danos non chegan de momento aos limiares de tratamento. A técnico Rosa Pérez asegura que as altas temperaturas non favorecen a propagación de enfermidades ocasionadas por fungos, como o mildeu ou o oídio, pero si o desenvolvemento de insectos. A este respecto, tamén indica que os ovos e as eirugas de Lobesia botrana non toleran a insolación, polo que as actuais temperaturas extremas debería afectarlles negativamente. Polo tanto, a  técnico aconsella seguir a evolución dos acios nos vindeiros días e aplicar tratamento unicamente se se supera o limiar de tolerancia.
Con respecto ao Mildeu, desde a EFA explican que é sabido que este patóxeno perde vitalidade cando se superan os 30 graos de temperatura durante 5 ou 6 horas, situación que xa se cumpriu. Isto, unido á previsión de tempo estable para a vindeira semana, dá como resultado que o risco de infección sexa cada vez menor. Indican, ademais, que non se observan novos síntomas de mildeu nas viñas tratadas, e que a vixilancia será necesaria naqueles casos de orballos ou néboas densas. Insisten en que é preciso retomar as labores de poda en verde que, aínda que xa se tiveran feito, volven ser necesarias en moitas viñas. Sobre o mildeu, desde a EFA están constatando casos nos que os viticultores están aplicando, como norma de actuación, tratamentos excesivamente curtos, de 5 días, ou mesmo doses por riba das máximas recomendadas polos fabricantes, e advirten que estas prácticas son totalmente desaconsellables.

En canto ao Oídio, desde a EFA aseguran que esta enfermidade non debería aparecer xa nas parcelas sas, e que nas afectadas debería estabilizarse. Indican que só hai posibilidade de que se produza un filtrado de luz solar por néboas, condicións que favorecen o fungo, e que nestes casos hai que manter a vixilancia. Explican que o oídio ten un desenvolvemento óptimo a temperaturas que se sitúan entre os 25 e os 30 graos pero que por riba dos 33-35ºC a xerminación xa non se produce.

En relación á Botrite e ao Black rot indican que o clima tan cálido e maioritariamente seco desta ola de calor non favorecerá o desenvolvemento destas enfermidades. En canto a ácaros e erinose, informan que na revisión semanal non apareceron avances.
A maiores da viña, desde Areeiro insisten na importancia de tratar a denominada ‘praga do buxo’. A Cydalima perspectalis segue no seu estado máis agresivo, debido a que as eirugas están no seu estado máis voraz, e están a provocar defoliacións intensas. É preciso aplicar un tratamento, mollando ben as plantas en todas as súas caras e antes de que a planta quede totalmente defoliada, caso no que o tratamento xa non sería eficaz.

Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso fitopatolóxico.


Pontevedra, 3 de agosto de 2018
Saúdos
Gabinete de Comunicación

No hay comentarios:

Publicar un comentario