
Luis López lembrou que “algo tan sinxelo como pulsar un botón pode supoñer unha diferenza na vida destas persoas”, unhas mil beneficiarias anuais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou este mércores que a institución provincial destinará máis de 800.000 euros para o servizo de teleasistencia durante os próximos dous anos. A sesión da Xunta de Goberno desta semana aprobou o expediente de contratación para a adxudicación deste servizo, do que se benefician anualmente arredor de mil usuarios dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O contrato terá unha duración de dous anos “coa posibilidade de conceder dúas prórrogas anuais máis”, informou o presidente.
O servizo de teleasistencia “está dirixido a persoas en situación de especial vulnerabilidade”, lembrou Luis López, entre as que se atopan persoas maiores, con discapacidade, con enfermidades crónicas, con limitacións na autonomía ou sen apoio familiar suficiente. A teleasistencia permite mellorar a súa calidade de vida, previr situacións de illamento, inseguridade ou risco, e facilitar que os beneficiarios permanezan no seu fogar con atención inmediata e axeitada no caso de que se produza algunha emerxencia.
“Algo tan sinxelo como pulsar un botón pode supoñer unha diferenza na vida destas persoas”, valorou o presidente da Deputación. López lembrou que “este ano estamos dedicando máis de 24 millóns € desde o servizo de Benestar Social e o centro Príncipe Felipe” para exemplificar a importancia que presta o goberno provincial a esta área.
No hay comentarios:
Publicar un comentario