― O delegado territorial, Luis López, e representantes da Asociación Cultural Interfolk presentan esta iniciativa, que contempla actuacións no Rosal, Barro, Portas, Catoira e Soutomaior
― “Estamos a difundir e estender o Xacobeo 2021-2022 por todo o territorio, con máis de 400 eventos dende o pasado ano, para universalizar aínda máis o Camiño e favorecer que os galegos sintan o Ano Santo como algo propio”, sinala Luis López
A Xunta de Galicia está a impulsar, a través da colaboración da Axencia Turismo de Galicia, o programa cultural Coñece O Teu Camiño, que inclúe cinco espectáculos baseados na tradición e nas rutas xacobeas e que se desenvolverán na provincia de Pontevedra ao longo do vindeiro mes.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e representantes da Asociación Cultural Interfolk, promotora desta actividade, presentaron hoxe as datas, os lugares e o contido destas actuacións no edificio administrativo de Campolongo.
“Dende a Xunta de Galicia estamos absolutamente comprometidos co Xacobeo 2021-2022 tanto pola súa importancia intrínseca como polo seu enorme valor como ferramenta de reactivación socioeconómica pola crise sanitaria da covid-19. Por elo, estamos a difundilo e a estendelo por todo o territorio da nosa comunidade, con máis de 400 eventos dende o pasado ano, para universalizar aínda máis o Camiño de Santiago e seguir favorecendo que os galegos sintan o Ano Santo como algo propio e que forma parte da nosa identidade”, sinalou o representante autonómico, que agradeceu ao colectivo Interfolk o esforzo e a calidade do seu espectáculo.
O proxecto Coñece O Teu Camiño, que conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia, configúrase como un evento transversal que inclúe un espectáculo infantil a cargo de Barafunda Animación centrado na peregrinaxe do Camiño e o Océano Atlántico e unha actuación de folclore con música e danza tradicional.
No mesmo participan, ademais de Barafunda, a Asociación Folclórica Corisco, a Banda de Gaitas Xarabal e a Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas.
A xira de Coñece O Teu Camiño pola provincia de Pontevedra arrancará este sábado, 7 de agosto, na Praza do Calvario do Rosal e continuará no Pazo da Crega de Barro o sábado 28 de agosto, o Auditorio de Portas o domingo 29 deste mes e o Auditorio de Catoira o sábado 4 de setembro para finalizar ao día seguinte na Alameda Talo Río de Soutomaior.
Todas as actuacións comezarán ás 20.00 horas e cumprirán os protocolos de protección e seguridade sanitaria fronte á covid-19 incluíndo control de accesos e aforos, rexistro de asistentes, medidas hixiénicas e emprego de máscaras, entre outras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario