A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou co presidente do organismo provincial un protocolo de colaboración nesta materia
— Ángeles Vázquez explica que o obxectivo é fomentar actitudes cívicas e de corresponsabilidade que reforcen a formación realizada polos colexios, adecuando o programa de iniciativas ás demandas e necesidades de cada un deles
— Entre as actividades máis novidosas que está previsto levar a cabo, destacan “a patrulla reciclaxe” ou os contacontos sobre o impacto da produción téxtil ou dos aceites no medio ambiente e os potenciais usos deses refugallos
— A conselleira insistiu na aposta da Xunta pola educación e a concienciación ambiental como unha ferramenta clave para reforzar o papel dos máis novos ante o quecemento global e avanzar cara á neutralidade climática
Así, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Luis López, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración que permita consolidar o programa Ponte Zero, que pretende concienciar á comunidade escolar da problemática dos residuos, achegar coñecementos para minimizar a súa produción e potenciar a súa correcta separación.
Deste xeito, segundo explicou a conselleira, o obxectivo é fomentar actitudes cívicas e de corresponsabilidade que reforcen a educación ambiental realizada polos propios centros de ensino, adecuando o programa de iniciativas ás demandas e necesidades de cada un deles.
En concreto, a intención é chegar a todos os centros educativos dos 61 concellos da provincia de Pontevedra, tanto ao alumnado de infantil, primaria e secundaria como ao seu profesorado e ás familias. É necesario que toda a poboación entenda a importancia de facer un consumo responsable que permita reducir o volume de residuos que xeramos como a necesidade de separar correctamente os diferentes tipos de refugallos “para garantir unha correcta reciclaxe e poder converter os residuos en recursos”, incidiu Ángeles Vázquez.
Para acadar ese obxectivo, a conselleira apostou pola colaboración das diferentes administracións, organismo e entidades e nese marco de cooperación puxo en valor o acordo polo cal a Deputación de Pontevedra financiará este ano con 150.000 euros unha serie de actividades de concienciación que levará a cabo o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), que, de feito, ten como funcións principais a información, a formación e a educación nesta materia.
Entre as actividades máis novidosas que está previsto levar a cabo ao abeiro desta iniciativa, a conselleira salientou “a patrulla reciclaxe” ou os contacontos sobre cuestións como o impacto da produción téxtil ou dos aceites no medio ambiente e os potenciais usos deses refugallos. Estas actuacións complementarán accións como, por exemplo, xornadas formativas para o profesorado, exposicións itinerantes ou obradoiros que permitan afianzar os conceptos que se van adquirindo.
Para concluír, a conselleira insistiu na aposta da Xunta pola educación e a concienciación ambiental como “unha ferramenta clave” para reforzar o papel dos máis novos ante o quecemento global e avanzar cara á neutralidade climática.
De feito, tal e como lembrou Ángeles Vázquez, o Goberno galego vén de poñer en marcha o programa Mocidade polo clima, que é unha iniciativa que aspira a educar e sensibilizar fronte ao cambio climático a máis de 10.000 galegos con idades comprendidas entre os 3 e os 35 anos a través da formación -desde a etapa de educación infantil ata a universitaria-; a información e divulgación, con visitas e eventos con relatores de referencia na materia; e a acción, fomentando a participación activa a través de campamentos, voluntariado ambiental e premios para recoñecer as iniciativas innovadoras dos mozos galegos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario