A Deputación retoma esta fin de semana en Barro e Pontevedra os percorridos de agosto do programa provincial +Bosques - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 26 de agosto de 2026

A Deputación retoma esta fin de semana en Barro e Pontevedra os percorridos de agosto do programa provincial +Bosques

O Pazo de Lourizán e o parque natural do río Barosa acollen novas saídas deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque

Os percorridos de setembro cos que finaliza este ano o programa xa teñen todas as prazas esgotadas

A Deputación de Pontevedra retoma esta fin de semana, con todas as prazas esgotadas, os percorridos do mes de agosto da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades, dúas quendas por día, terán lugar este sábado 29 de agosto no parque natural do río Barosa e este domingo 30 de agosto no Pazo de Lourizán e teñen todas as prazas esgotadas, coa participación dun total de 60 persoas.

Este sábado será a quenda dos grupos que visitarán o Pazo de Lourizán, un espazo que destaca polo seu xardín botánico “Arboretum”, creado en 1949 cunha finalidade investigadora, didáctica e recreativa. O domingo +Bosques desenvolverase no Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro, unha zona de especial beleza onde destaca o seu conxunto de 17 muíños de auga e onde os asistentes percorrerán dous treitos: a zona superior e a chaira anterior á popular fervenza.

Esta edición de +Bosques inclúe rutas en sete espazos da costa e o interior da provincia ata setembro para coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionan ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza nas que se promove a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos, co fin de comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Este luns a Deputación de Pontevedra abriu as inscricións para participar nos percorridos de setembro, últimos da actual edición do programa. Tras esgotar todas as prazas dispoñibles en menos dun día, desenvolveranse pola contorna do río Lérez (Pontevedra) os días 5 e 26 de setembro, pola contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 6 e o 27 de setembro, polo Pazo de Lourizán (Pontevedra) o 12 de setembro, polas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) o 13 de setembro, polo parque natural do río Barosa (Barro) o 19 de setembro e, finalmente, polo río Maneses (O Campo Lameiro) o 20 de setembro.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario