O novo programa contempla accións de orientación laboral, formación, asesoramento laboral, intermediación e apoio á inserción laboral e incluirá diferentes convocatorias no período 2024-2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a aprobación do novo programa “+Emprega”, co que busca promover a integración e inclusión social, así como o desenvolvemento económico e social da provincia, a través da mellora da empregabilidade dos cidadáns. López explicou que se trata dun programa que “contempla accións de orientación laboral, formación, asesoramento laboral, intermediación e apoio á inserción laboral” e se estrutura en dous eixes principais que incluirán diferentes convocatorias no período 2024-2025 que serán aprobados ao longo dos vindeiros meses.
O primeiro eixe é de impulso ao emprego, e busca mellorar a empregabilidade e proporcionar experiencia profesional a persoas tituladas universitarias e de formación profesional de ciclos medios e superiores. Ao abeiro deste eixe haberá dúas convocatorias: por unha banda, o proxecto de impulso ao Emprego nos Concellos con 128 contratos formativos municipais para concellos de menos de 50.000 habitantes e, pola outra, para o impulso ao emprego en empresas e ONGs, que busca chegar aos 100 postos de traballo: 80 contratacións en empresas e 20 en ONGs.
O segundo dos eixes é o de fomento do emprego inclusivo, que busca fomentar a inclusión no mercado de traballo das persoas máis vulnerables en situación de risco e inclusión. Neste caso, contémplase un proxecto de subvencións para Centros Especiais de Emprego para promover a integración laboral das persoas con discapacidade. O programa “+Emprega” desenvolverase ó longo do período 2024 -2027, tendo cada proxecto unha duración máxima dun ano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario