Os beneficiarios, de doce concellos diferentes, gozarán dunha estancia de seis días e cinco noites nun dos sete establecementos dispoñibles en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a relación de persoas admitidas no programa de termalismo social +Benestar, a través do cal máis de 500 veciñas e veciños maiores de 55 anos de doce concellos da contorna de Pontevedra poderán desfrutar de estancias en balnearios, talasos ou spas da provincia. O obxectivo desta iniciativa, tal e como detallou o presidente provincial, é facilitar o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e , ao mesmo tempo, dinamizar o sector turístico durante os períodos de menor actividade.
En concreto, estas 509 persoas trátanse de 15 veciñas e veciños da Lama, 2 de Barro, 14 de Caldas de Reis, 4 de Campo Lameiro, 6 de Cuntis, 98 de Marín, 22 de Moraña, 52 de Poio, 12 de Ponte Caldelas, 256 de Pontevedra, 12 de Portas e 16 de Vilaboa. En total, o programa, que arranca este domingo 3 de novembro coas primeiras saídas, ofrece estancias de seis días e cinco noites nun establecemento termal para as preto de 2.200 persoas empadroadas na provincia que se beneficiarán de +Benestar.
O programa de termalismo da Deputación desenvólvese en sete establecementos termais da provincia, situados en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín (Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Balenario de Mondariz, Hotel Carlos I Silgar, Talaso Hotel Louxo La Toja, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Spa Galatea e Hotel Nuevo Astur Spa). Ademais da estadía, o paquete comprende pensión completa (coas bebidas incluídas); o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día; e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario