Cada concello de menos de 20.000 habitantes recibirá entre 10.800 e 13.800 euros para sufragar gasto corrente e afrontar investimentos para apoiar a persoas en situación ou risco de exclusión social
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de preto de 120.000 euros para que os 10 concellos da contorna de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes poidan atender as necesidades urxentes de persoas que se atopen en situacións ou risco de exclusión social. Como explicou o presidente provincial, Luis López, son as coñecidas como Axudas Básicas de Emerxencia, “unha liña de achegas para apoiar a aquelas persoas que máis o precisan, e que demostran o noso firme compromiso cos máis vulnerables, poñendo especial atención na mellora da súa calidade de vida e da súa autonomía persoal”. En total, a Deputación de Pontevedra destinará este ano 615.000 euros para os 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
Cada un dos concellos da contorna de Pontevedra recibirá entre 10.800 e 13.800 euros, en función do número de habitantes que teñan e doutros indicadores, entre os que se atopan a taxa de desemprego, a dependencia ou a renda. Dos preto de 120.000 euros aprobados para estes concellos, 67.400 permitirán sufragar gasto corrente, como alimentación, uso da vivenda ou pagamento de servizos e subministros básicos, entre outros, mentres que o resto, 48.600 €, irá destinado a afrontar investimentos como actuacións de mellora en vivendas de persoas vulnerables, entre outras moitas iniciativas.
Por concellos, A Lama recibirá 10.800 euros, Barro 10.800 €, Caldas de Reis 12.800 €, Campo Lameiro 10.800 €, Cuntis 10.800 €, Moraña 10.800 €, Poio 13.800 €, Ponte Caldelas 12.800 €, Portas 10.800 € e Vilaboa 11.800 €.
No hay comentarios:
Publicar un comentario