Dentro do plan de control da Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, lémbrase que é necesario aplicar xa o tratamento insecticida nalgunhas zonas da provincia
A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, aconsella manter o nivel de vixilancia nas viñas ante o mildio, o oídio e a botrite debido ás previsións climatolóxicas e ao aumento da humidade no ambiente, aínda que estas estean protexidas por un tratamento anterior. A recomendación recae especialmente nos predios nos que xa houbo infección, sendo preciso tomar todas as medidas de control dispoñibles para reducila: produtos funxicidas, ventilación dos acios, control da lonxitude dos pampos, eliminación de netos e roza da vexetación. En canto as ninfas de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, non se experimentou un incremento nas súas capturas nin no seu desenvolvemento, pero recórdase que nalgunhas zonas da provincia nos próximos días haberá que aplicar os insecticidas aconsellados pola autoridade competente.
O persoal de Areeiro segue a notar certa variabilidade nas viñas, atopándose vides con acios menos desenvolvidos e outros con corremento, maila existir un aumento maior no tamaño da uva como consecuencia das altas temperaturas dos días pasados, sobre todo nos predios que están máis adiantados. Ante a previsión de xornadas máis frías, é preciso permanecer alerta e empregar produtos fitosanitarios no que se refire a novos síntomas de black rot, pois as temperaturas previstas de 27-28ºC favorecen a proliferación deste fungo.
Por outra banda, en canto as avelaíñas do acio, capturáronse os primeiros adultos de Lobesia botrana, aínda que nun número moi baixo. Maior importancia ten o incremento de acariose nas viñas e de plantas que colapsan por enfermidades de madeira tralas temperaturas extremas. Tamén insectos como o escaravello da pataca ou a avelaíña do tomate Tuta absoluta requiriron vixilancia, pero no caso das plantas de horta hai que prestar máis atención ao mildio e renovar os tratamentos para evitar posibles danos.
O aviso fitosanitario inclúe observacións sobre o moteado da maceira, xa que é conveniente renovar a protección en variedades do froito especialmente sensibles, a pesar de que as condicións meteorolóxicas non favorecen a infección. Así mesmo, aconsella manter a vixilancia ante a captura de oito novos machos da Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo), novas postas e eirugas máis desenvolvidas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario