§
Este peche da circulación é preciso para permitir o avance
nos traballos e garantir a seguridade de peregrinos, veciños e usuarios da vía
§
O corte permitirá o acceso a residentes e naves comerciais,
polo que a circulación quedará limitada aos veciños e ao tráfico pesado cara ás
industrias da zona
§
Parte dun carril será valado para o tránsito de peóns e
peregrinos e outro carril e medio, coa oportuna regulación, posibilitará o
acceso dos vehículos permitidos
§
Construirase un
itinerario duns 600 metros, coincidindo coa traza do Camiño Portugués, para
reforzar a seguridade viaria de veciños e peregrinos
§ O obxectivo é ter finalizados os traballos este mesmo
ano, co novo itinerario en servizo para o Xacobeo 2021
A execución da nova senda peonil entre Alba e San Caetano, en
Pontevedra, fará necesario o corte da estrada PO-225 a partir do vindeiro 12 de
agosto.
Este peche da circulación é preciso para permitir o avance nos
traballos, así como para garantir a seguridade de peregrinos, veciños e
usuarios da vía.
O corte permitirá o acceso a residentes e locais comerciais, polo
que a circulación quedará limitada aos veciños da zona e ao tráfico pesado cara
ás industrias existentes.
Para isto, posibilitarase a utilización de parte dun carril, valado
para o tránsito de peóns e peregrinos, habilitando un paso de 1,80 metros; así
como outro carril e medio, coa oportuna regulación, para a circulación do resto
de vehículos.
O citado peche estará axeitadamente sinalizado para facilitar a
mobilidade nesta contorna.
Cómpre lembrar que a Xunta comezou recentemente os traballos de
construción deste itinerario, que suporá un investimento próximo aos 640.000
euros.
Construirase unha senda duns 600 metros
no treito da estrada PO-225, que conecta as poboacións de Alba e San Caetano e
as empresas situadas na zona, e que que coincide coa traza do Camiño de
Santiago Portugués.
A senda executarase pola marxe esquerda
da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 0+370 e o 0+940, e desde o
0+820 ao 0+910 pola marxe dereita.
Para acometer
este itinerario será necesario rectificar a curva existente entre os puntos
quilométricos 0+860 e 0+940; reordenar a
intersección no punto 0+910, mellorando a súa seguridade; e instalar unha
pasarela de 13,10 m de lonxitude sobre o río Cortes, que permite evitar o
tránsito de peóns por un punto estreito da estrada.
Esta intervención ten por finalidade
incrementar a seguridade de veciños e dos peregrinos nos seus desprazamentos polo
Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Alba e San Caetano.
O obxectivo da Xunta é ter finalizados os traballos
este mesmo ano e que a senda estea lista para ser empregada polos peregrinos
que acudan a Compostela no Xacobeo 2021. O
itinerario foi planificado polo Goberno galego no marco do Plan de Sendas na
comarca de Pontevedra, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.
No hay comentarios:
Publicar un comentario