A Deputación leva no Día de Galicia a Barro o programa provincial +Música cunha actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 25 de julio de 2025

A Deputación leva no Día de Galicia a Barro o programa provincial +Música cunha actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre

 


 

O cantante e compositor actuará no Parque da Natureza do Río Barosa ás 20:30 horas

 

+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

 

A Deputación de Pontevedra leva a Barro este venres 25 de xullo, Día de Galicia, un concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para colaborar na programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no Parque da Natureza do Río Barosa ás 20:30 horas.

 

Xabier Díaz presenta en Pontecesures o seu álbum “As Catedrais Silenciadas” xunto ás  Adufeiras de Salitre, o último dunha triloxía moi persoal e no que o elemento diferencial é a inclusión de mulleres vocalistas e percusionistas. As súas composicións parten dun traballo de investigación, escoitando cancións de mulleres no rural e dándolles o seu toque característico. Deste xeito, a súa música, as influencias doutras latitudes e as súas novas letras aportan frescura a unha materia prima propia do noroeste. Tamén neste último traballo actualiza diferentes formas musicais: pasodobres como “No Salón das Cereixas”, xotas como “Illas de Sal”, ribeiranas como “Tentenublo” e muiñeiras e agarrados como o de “Vilar de Cabeiras 2.0” ou alalás como o tema que da título ao disco.

 

O concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario