A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o delegado da Xunta na provincia e o director do IGVS estiveron hoxe en Sanxenxo no marco do foro #ConstruíndoFogar
— Ángeles Vázquez salienta que estas subvencións, cuxo prazo de solicitude se abriu hai unha semana, poden chegar a un máximo de 38.750 € e van dirixidas a actuar sobre envolventes e fachadas e cambiar equipos de calefacción e de auga quente
— Anima aos cidadáns a pedir as axudas de ata 3.000 € para cambiar as ventás da súa vivenda habitual, un programa que xa recibiu máis de medio milleiro de solicitudes
— A Xunta convocará por un orzamento de, como mínimo, 1,5 M€ unha liña de incentivos dirixida a mozos para comprar vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, polo que beneficiará a 37 municipios da provincia de Pontevedra, 4 deles do Salnés
A Xunta de Galicia subliña que o novo programa a nivel de edificio, que se pode solicitar desde o pasado 17 de maio e ata o 30 de novembro, está aberto a subvencionar actuacións tanto en vivendas oficiais e permanentes como en segundas residencias. Así, propietarios e comunidades disporán de axudas de ata 38.750 euros para renovar fachadas e cubertas ou para cambiar equipos de calefacción e auga quente en vivendas e edificios cun aforro enerxético mínimo do 30%.
Así o explicou hoxe en Sanxenxo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que percorre diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e máis de medio cento de representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 9 concellos da comarca do Salnés, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.
Por iso, a responsable autonómica aproveitou a súa intervención para animar aos asistentes a beneficiarse destes fondos e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios e incidindo, sobre todo, naqueles programas de especial interese para esta comarca.
É o caso, por exemplo, das axudas a nivel de edificio xa que, lembrou, no Salnés existe un parque de segundas residencias moi numeroso.
Pola súa parte, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, subliñou que o municipio conta “con máis de 16.000 vivendas censadas” das que “só están ocupadas aproximadamente 5.500”. “Polo tanto, espero que os veciños de Sanxenxo se poidan aproveitar destas axudas que está promovendo a Xunta de Galicia”, declarou.
Bo ritmo de solicitudes
Así mesmo, a conselleira tamén se referiu ao bo ritmo de solicitudes que están a recibir algunhas das liñas xa convocadas, como as axudas de ata 3.000 euros destinadas a apoiar o cambio e renovación de ventás, cun orzamento de 13,5 millóns de euros e dirixidas a propietarios, inquilinos ou usufrutuarios que actúen sobre a súa vivenda habitual.
Neste sentido, avanzou que, desde a súa convocatoria a comezos de marzo, xa se recibiron máis de medio milleiro de solicitudes en toda Galicia, polo que animou aos cidadáns a seguir apostando por este novo programa de incentivos para mellora da eficiencia enerxética, que estará aberto ata o 14 de outubro e vai dirixido á execución de pequenas obras de rehabilitación coas que lograr un aforro de enerxía de, polo menos, un 7%.
Tamén no eido da rehabilitación residencial, a conselleira explicou que desde a semana pasada xa se poden solicitar incentivos de ata 3.500 euros para a elaboración do libro do edificio e dun máximo de 30.500 euros para redactar proxectos técnicos de rehabilitación integral, apoiando deste xeito aos propietarios co custo dos trámites e da documentación previa necesaria e imprescindible para poder levar a cabo este tipo de actuacións.
Tras incidir na aposta realizada pola Xunta nos últimos anos en materia de rehabilitación de vivendas, Ángeles Vázquez explicou que, en todo caso, o seu departamento seguirá ofrecendo tamén axudas directas para facilitar o acceso a un fogar a aqueles colectivos aos que lles resulta máis difícil dar este paso.
En concreto, fixo fincapé nun programa de especial relevancia para esta comarca pontevedresa: os incentivos ás persoas mozas para contribuír ao reto demográfico. Así, explicou que se trata dunha das liñas de apoio á adquisición de vivenda previstas para este ano e está pensada especificamente para concellos de menos de 10.000 habitantes, polo que poderán solicitarse en 4 dos 9 municipios do Salnés —A Illa de Arousa, Meis, Meaño e Ribadumia— e en 37 no conxunto da provincia de Pontevedra.
Cun orzamento inicial de, como mínimo, 1,5 millóns de euros, a conselleira subliñou que unha vez se publique a convocatoria, os menores de 35 anos que queiran comprar a súa vivenda habitual no rural, terán dereito a pedir unha axuda de ata 10.800 euros.
Guía informativa á disposición dos cidadáns
Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de incentivos á vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial e a actividade construtiva nesta comarca pontevedresa.
Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.
Así mesmo, durante o encontro tamén se informou aos asistentes de que xa está dispoñible en formato dixital a guía informativa elaborada pola Xunta sobre os programas de axudas específicos para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar neste enlace.
No hay comentarios:
Publicar un comentario