O deputado provincial Ricardo Martínez visitou hoxe este espazo cuxa mellora será financiada integramente polo organismo a través do Plan +Provincia
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou hoxe xunto co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Valbón, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente as obras de ampliación dunha vía municipal nesta zona cun investimento de preto de 90.000 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia. Martínez adiantou que os recursos serán aprobados este mesmo venres na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e recordou que o organismo provincial destina este ano a Barro preto de 500.000 euros no marco do +Provincia.
O deputado provincial deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Barro mellorar a seguridade viaria e pavimentar a vía de Valbón, aumentando a sección e realizando unha sinalización íntegra. Actualmente a vía atópase nun estado deficiente, cun pavimento deteriorado e unha superficie irregular, e cos recursos provinciais vanse desmontar e demoler muros de peche; retranquear aliñacións dos peches e executar novos mediante perpiaños de granito; fresar e executar novo pavimento; recalzar tapas de rexistro; instalar redutores de velocidade e, entre outras actuacións, nova sinalización horizontal e vertical.
Martínez puxo en valor o Plan +Provincia, un programa que representa “á perfección a nosa forma de traballar, escoitando, atendendo e dando resposta ás demandas dos concellos para transformalos e, así, conseguir que esta provincia avance como nunca antes fixera”. E asegurou que “plans como este permiten que concellos como Barro poidan afrontar investimentos e impulsar actuacións transformadoras, que modernizan o territorio e melloran a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario