A Estación Fitopatolóxica do Areeiro avisa da redución nos esporanxios recollidos, pero as condicións son favorables para o patóxeno e recoméndase actuar ou renovar os tratamentos
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar un novo aviso fitosanitario do persoal da Estación Fitopatolóxica do Areeiro no que recomendan seguir mantendo un nivel de alerta alto fronte ao mildio por mor das previsións meteorolóxicas dos próximos días, que indican inestabilidade e un ascenso nas temperaturas mínimas. Malia que nas últimas visitas do persoal do Areeiro o número de esporanxios recollidos foi menor ás anteriores, as condicións previstas son máis favorables ao patóxeno, e ademais os modelos matemáticos que axudan á toma de decisións tamén o indican.
Ante esta situación, en Areeiro indícanse diversas recomendacións en función do predio, segundo o estado de vexetación propia da viña, a ventilación xeral da parcela, a aparición anterior ou non da primeira mancha, e a data do anterior tratamento. Deste xeito, se non se realizaron seguimentos específicos, en predios pouco aireados, con vexetación abundante, con mala xestión do solo, e onde xa se detectara a primeira mancha, débese renovar a aplicación se non se fixo xa esta semana (as choivas reduciron o período de protección e puideron lavar o compoñente de contacto). Se se realizou seguimento concreto, débense detectar as primeiras manchas e actuar inmediatamente nos momentos sen precipitacións e cando as viñas estean secas, empregando para iso produtos que teñan polo menos unha materia activa con propiedades preventivas e curativas.
En todo caso, desde Areeiro recoméndase o sentido común na aplicación dos produtos fitosanitarios, respectando as doses das etiquetas e axustando a velocidade de aplicación ou a presión do caldo ao momento no que se atope o viñedo na actualidade. Cómpre lembrar que as malas prácticas non intensifican o control das infeccións, senón que son contaminantes e mesmo poden ser obxecto de sancións. Neste sentido, o persoal comprobou nos seus percorridos que nalgúns casos a nube de funxicida ascendía varios metros ou se desviara fóra da superficie das viñas polas correntes de aire, o cal é necesario evitar.
En canto ao oídio, non se atoparon síntomas, e as fortes precipitacións da semana anterior foron prexudiciais para o seu desenvolvemento. Malia que si eran favorables á botrite (precipitacións en forma de sarabia nalgúns lugares e rachas de vento intensas que romperon follas ou pampos), non foi nas zonas máis propicias onde se atoparon máis follas compatibles. De cumprirse os prognósticos meteorolóxicos, cómpre vixiar a evolución e a súa potencial aparición en follas con roturas por vento ou sarabia.
O aviso fitosanitario desta semana tamén contempla consellos fronte ao mildio nas plantas de horta, indicando a necesidade de renovar o tratamento, se non se fixo xa, debido a que as condicións meteorolóxicas anteriores e o sol destes días provocan estes síntomas en distintas plantas. Para finalizar, a presenza de eirugas da bolboreta do buxo é xeneralizada, obrigando a aplicar un tratamento que limite a defoliación que poden causar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario