A Deputación recomenda continuar coa xestión da vexetación nas viñas para evitar a aparición de novos síntomas de mildio - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 13 de agosto de 2024

A Deputación recomenda continuar coa xestión da vexetación nas viñas para evitar a aparición de novos síntomas de mildio

Aviso fitosanitario 26-07-2024

O persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro tamén avisa da importancia de estar atento ao cambio na meteoroloxía pola posible aparición de botrite

O persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro investigador da Deputación de Pontevedra, sinala que o tempo solleiro e moi cálido destes días segue a favorecer o avance na fenoloxía da viña cara á maduración, malia que aínda se atopen algunhas bastante atrasadas. Con esta situación, e cos acios xa practicamente na súa totalidade no pintado e en fase de maduración, practicamente non se aprecian síntomas de mildio. No relativo aos acios, os que posúen máis danos son aqueles cunha inadecuada xestión da vexetación, así como aqueles coas vides en peores condicións de vitalidade. Por iso, a  recomendación dos técnicos de Areeiro é continuar coa xestión da vexetación para impedir as retencións de humidade que poidan favorecer a aparición de novos síntomas. Ademais, nos predios máis seriamente afectados de larvado, ir limpando ou eliminando os acios máis danados e comprobar, despois desta fin de semana, como evoluciona finalmente a climatoloxía. Se finalmente ven húmida é convinte facer unha aplicación de cobre inmediatamente despois sempre que non tivera xa pasado a data límite de tratamento fixada polas súas bodegas.

No relativo ao oídio, o tempo seco e a diminución da humidade relativa non favoreceron ao patóxeno. Porén, se finalmente a próxima semana se produce a precipitación anunciada, a situación pode cambiar, en especial se a precipitación fai inchar a uva e esta pode estoupar. Por iso, é importante manterse atentos ao cambio na climatoloxía, en especial nos casos con máis predisposición a que apareza esta enfermidade. No sur da provincia, ademais, segue recomendándose a aplicación dun insecticida contra a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, xa que hai lugares onde aínda se recollen moitos exemplares nas trampas, e tamén moitas viñas abandonadas, refuxio do insecto.

Por outra banda, os técnicos de Areeiro observaron esta semana viñas no Salnés con síntomas de trips (como son coñecidos os insectos da orde Thysanoptera). De feito, nas plantacións con malas condicións a nivel do solo e nutrientes, as poboacións son elevadas, e nese caso recoméndase unha intervención insecticida. As condicións ambientais secas e solleiras destes días tamén fan que sigan manifestándose as enfermidades de madeira e os golpes de sol. Ademais, está a aparecer a erinose de verán.

Outros cultivos

En canto á nogueira, desde Areeiro lembran da importancia de ir eliminando as noces que van caendo ao solo, ademais daquelas que mostran síntomas de mosca da casca verde, xa que xa atoparon a primeira larva nunha noz. Por outra banda, o tempo húmido deste ano favoreceu que en moitas nogueiras tamén estea presente este fungo que, fronte á mosca da casca, afecta non só aos froitos senón tamén ás follas, que poden chegar a caer prematuramente. Para o seu control o mellor é tratar con cobre no inverno ou con este produto ou fosfonato potásico na primavera, pero agora tamén se pode axudar eliminando os froitos afectados e as follas caídas ao solo de xeito prematuro, para reducir o inóculo para a campaña seguinte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario