O conselleiro de Educación visita a libraría Escolma na cidade de Pontevedra
— “Somos a única Comunidade onde o acceso a todo o ensino é de balde, desde as escolas infantís ata a obtención dun título universitario ou de FP”, afirma
— Román Rodríguez detalla “a ampla batería de medidas en Galicia para facilitar a volta ás aulas aos fogares e promover a igualdade de oportunidades”
— Blíndanse as axudas para libros de texto e material escolar, un modelo do que se benefician 7 de cada 10 alumnos e que aforra máis de 100M€ ás familias
— A Xunta leva comprados máis de 400.000 libros para ceder gratis ao alumnado logo do cambio da lei educativa estatal que fixo inservibles os anteriores
— Os prezos dos comedores da Xunta continuarán conxelados para os estudantes, polo que a Consellería asume o incremento do custo dos alimentos
— Cada familia pode aforrar 3.000€ de media por fillo coa universidade gratuíta
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá a libraría Escolma, en Pontevedra, onde destacou o reforzo do apoio da Xunta ás familias no inicio do curso escolar. Tal e como explicou, “o Goberno galego conta cunha batería de medidas grazas ás que se facilita a volta ás aulas aos fogares e se promove a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino”. Inclúen tanto a matrícula universitaria gratuíta, que se estrea por primeira vez este ano académico, como as axudas para a adquisición de libros de texto e de material, a conxelación dos prezos dos comedores ou o préstamo de ordenadores, detallou.
O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que este é o primeiro ano no que a Administración autonómica facilita a matrícula universitaria sen custo ao longo de toda a carreira, unha medida pioneira cun aforro medio de 3.000€ por fillo. “Isto convértenos na única Comunidade onde o acceso a todo o ensino é de balde, desde as escolas infantís ata a obtención dun título universitario ou de FP”, afirmou.
Así mesmo, o Goberno galego blinda o programa para o acceso a libros de texto e material, un modelo que, xunto co libro dixital de préstamo tamén gratuíto, beneficia a sete de cada 10 alumnos e supón un aforro de 100M€ aos fogares. No caso do material consolídanse os dous vales, de 75 e 60€, en función da renda. Ademais, hai axudas de entre 160 e 300€ para a compra de manuais nos cursos nos que estes non son reutilizables, é dicir, para os alumnos dos dous primeiros cursos de Primaria, os de Educación Especial e para aqueles con necesidades específicas de apoio educativo.
A maiores, o Fondo solidario conta este curso con máis de 400.000 libros, que se repartirán en réxime de préstamo entre o alumnado desde 3º de Primaria a 4º de ESO. “A Xunta fixo un investimento de máis de 25M€ nos dous últimos anos na adquisición destes manuais para ceder aos alumnos gratuitamente, logo de que o Goberno central cambiase a lei educativa e os anteriores xa non servisen”, sinalou Román Rodríguez.
Transporte escolar gratuíto
O conselleiro recordou, ademais, que o servizo de transporte escolar é totalmente gratuíto e que Galicia conta cun dos servizos de comedor máis equitativos, de tal forma que o 80% de usuarios dos comedores da Xunta teñen o servizo de balde ou pagan só 1€. Este servizo volverá a ter os prezos conxelados, polo que a Consellería asume o incremento do custo dos alimentos e a enerxía para que non repercuta nas familias.
“Galicia quere seguir sendo unha das comunidades que maiores facilidades ofrece aos alumnos e ás súas familias para acceder ao ensino e para adquirir material educativo, polo que seguiremos traballando para consolidade un modelo equitativo, universal e aberto”, recalcou o conselleiro na súa visita á libraría pontevedresa Escolma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario