O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o CEIP Froebel de Pontevedra, onde se está executando unha das intervencións de mellora programadas
— Ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola, durante este verán acométense 90 pequenas e medianas actuacións en 87 centros educativos de Pontevedra, cun importe de 3,4M€, enfocadas a un maior confort e sustentabilidade
— Paralelamente, ao longo deste ano realízanse 44 obras de grande envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética
— “A Xunta está comprometida en modernizar os centros de ensino cun investimento sen precedentes para a mellora das instalacións”, afirma o conselleiro
A Xunta de Galicia está a acometer ao longo deste ano 134 actuacións en centros educativos de Pontevedra, cun investimento total de máis de 34 millóns de euros. Precisamente, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe unha delas, o CEIP Froebel de Pontevedra, onde expuxo as intervencións que o seu departamento está realizando ao abeiro do Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola (Plan BEN_Estar 2024), avaliado esta semana polo Consello da Xunta.
Este programa inclúe unha serie de pequenas e medianas obras que se desenvolven durante o verán para mellorar cubertas, aseos, ventás e ascensores. En concreto, na provincia de Pontevedra lévanse a cabo 90 actuacións en 87 centros cun investimento de 3,4 millóns de euros. En total, en Galicia son 535 melloras en 385 centros por un importe total de 12,5 millóns de euros, a contía máis elevada dos últimos cinco anos.
Paralelamente a estas pequenas pero necesarias actuacións estivais, a Administración autonómica está a realizar 139 obras de gran envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética. Estas actuacións, cun investimento de 71,3 millóns de euros no conxunto de Galicia, están planificadas para todo o ano 2024, dado que o seu período de execución é de varios meses, pero reciben un especial pulo durante a época estival aproveitando as vacacións sen actividade lectiva nos centros.
Nesta tipoloxía de grandes obras, na provincia de Pontevedra estanse a realizar 44 actuacións por un importe de preto de 31 millóns de euros. As intervencións máis salientables son a ampliación do IES Plurilingüe Aquis Celenis en Caldas, a do IES Pedro Floriani en Redondela, a do Centro Integrado de FP Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa e a modificación das instalacións térmicas no IES Pazo da Mercé nas Neves.
Román Rodríguez referiuse ao compromiso da Xunta de renovar os colexios e institutos, co fin de adaptalos ás esixencias actuais. O conselleiro explicou que o Goberno galego “está modernizando os centros de ensino cun investimento sen precedentes, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas”.
Actuacións de rehabilitación no CEIP Froebel
No caso concreto do CEIP Froebel, o conselleiro explicou que a reforma conta cun investimento de 1,14 millóns de euros, e que se espera que estea rematada nun prazo de seis meses. Todos os espazos docentes estarán listos para o inicio do curso, 11 de setembro, e se aproveitaría as vacacións de Nadal para a instalación da nova fonte de gas cidade.
A rehabilitación inclúe a reparación integral das cubertas, a renovación dos aseos da torre central e a mellora do illamento térmico na zona do aulario, co cambio de falsos teitos e luminarias. Ademais, renovarase toda a fase a instalación eléctrica e a de protección contra incendios, así como a reposición das carpinterías do patio interior. Nestes intres xa están executadas todas as demolicións da obra e estanse realizando os reforzos e a protección das estruturas da cuberta. Ademais, nos próximos días comezarase coa colocación das tellas na cuberta do corpo principal e do panel para o patio.
Román Rodríguez destacou que o obxectivo desta intervención é rehabilitar o centro de forma integral. “O CEIP Froebel conta cunha comunidade educativa de máis de 225 alumnos e preto de 23 docentes, e a finalidade destas actuacións é mellorar o confort diario de todos eles”, subliñou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario