Os
técnicos sinalan que o inicio da maduración estase a producir un mes antes que
no 2016
Aconséllase
aplicar tratamento contra as pragas dos cítricos e tamén contra as eirugas nas
plantas de buxo
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de
Pontevedra vén de confirmar no seu último aviso fitosanitario que a actual
campaña está a ser das máis adiantadas dos últimos anos nas viñas da provincia.
Segundo sinalan os técnicos, nesta semana todas as parcelas de seguimento están
no pleno pintado das uvas e mesmo con grans brillantes ou empezando a abrandar.
O
adianto da maduración, apuntan, é case tan evidente como na campaña de 2011,
cando o actual estado fenolóxico se acadara o 2 de agosto e, fronte ao ano pasado,
estase a producir case un mes antes, xa que daquela se certificara o día 24.
Finalmente, e como apunte, os técnicos indican que estas circunstancias son
máis claras na zona de O Condado, xa que
posúe unhas condicións extraordinarias para o desenvolvemento da viña.
En
canto ás pragas, co pintado xa xeneralizado o fungo do Mildeu non afecta aos
acios, co que xa non hai risco de perdas directas sobre eles e non será
necesario, en xeral, aplicar tratamentos fronte a esta enfermidade. Por outra
parte, como xa se dixo na semana anterior, a partir de agora o problema ao que
máis atención hai que prestar é a botrite (ou podredume), porque co incremento
dos azucres na uva hai máis probabilidade de que se instale o patóxeno. De
momento os acios están bastante sas, aínda que hai que prestar atención aos
posibles danos debidos ás couzas do acio, a fisuras, ou aos danos por paxaros,
onde se soe instalarse esta enfermidade, polo o que é preciso incrementar a
vixilancia, sobre todo se se mantén unha humidade elevada.
No
relativo a outros danos, continúan a aparecer plantas afectadas por patoloxías
de madeira neste ano no que a seca favoreceu a expresión dos seus síntomas. Tamén
seguen localizados os síntomas debidos a trips
nunha parcela de O Salnés onde se fai seguimento específico, e empezan a
aparecer novos síntomas de Janetiella oenephila que carecen de importancia.
Tamén este ano se están a recibir numerosas consultas sobre as bugallas características
da filoxera.
Cítricos e buxo
Fóra
do ámbito da viña, dende a EFA apuntan a que é frecuente ver nestes días abundantes
adultos de moscas brancas, así como adultos, ovos e ninfas novas da psila
africana (Trioza erytreae) e tamén
pulgóns nos cítricos. Por este motivo, sinalan que nos casos nos que as
poboacións sexan abundantes é preciso realizar un tratamento para evitar a
instalación de fungos de negrilla
sobre as sustancias azucradas que segregan estes insectos.
Finalmente,
os técnicos aseguran que esta semana volveron ter numerosas consultas -de
diversas comarcas da provincia e incluso dende Cantabria e Cataluña- sobre a
aparición de defoliacións intensas en moitas plantas de buxo debido á Cydalima perspectalis. Nestes momentos
as eirugas de últimos estados dominan claramente, son moi voraces, e ademais
normalmente están envoltas nos casullos, polo que o consello é que os
tratamentos deben ser aínda máis precisos, mollando moi ben as plantas en todas
as súas caras e repetindo a intervención se é preciso. Os insecticidas a
utilizar poden ser de orixe natural (aceite de parafina ou azadiractin) ou
sintética (piretroides).
No hay comentarios:
Publicar un comentario