A Xunta habilita especificamente para os concellos tres liñas de axudas co fin de impulsar a rehabilitación de inmobles e promover o acceso á vivenda aos veciños - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 7 de julio de 2019

A Xunta habilita especificamente para os concellos tres liñas de axudas co fin de impulsar a rehabilitación de inmobles e promover o acceso á vivenda aos veciños


  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que o Instituto Galego da Vivenda e Solo creou recentemente as axudas do fondo de cooperación cos concellos, á rehabilitación de vivendas de mestres e de infravivendas, que suman un importe de case 8,5 millóns de euros


Salienta que os concellos de menos de 50.000 habitantes dispoñen ata o 1 de outubro para acollerse ás subvencións das axudas do fondo de cooperación, que lles permite executar actuacións subsidiarias nos casos nos que os propietarios desatendan as súas obrigas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta mañá aos concellos galegos que dispoñen de tres liñas de actuación específicas e dirixidas exclusivamente á administración local para levar a cabo actuacións de rehabilitación que lles permita facilitar o acceso a unha vivenda aos seus veciños.
Así o puxo de manifesto durante un encontro, no que tamén participaron os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, José Manuel Cores Tourís e Ignacio López Chaves, respectivamente, onde salientou que os tres programas de subvencións implican poñer a disposición dos concellos preto de 8,5 millóns de euros, xa que moitas administracións non poden promocionar e xestionar a vivenda de protección pública, principalmente polos recursos limitados dos que dispoñen.
Neste sentido, salientou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) deseñou tres programas específicos cos que impulsar a rehabilitación por parte dos concellos e destacou que as axudas do fondo de cooperación, que se poden solicitar ata o vindeiro 1 de outubro, teñen por obxectivo financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.
Explicou que a este programa concreto se destinarán 6,4 millóns de euros para apoiar a través de préstamos sen xuros as actuacións, así como facilitar aos concellos a realización de actuacións subsidiarias naqueles casos nos que os propietarios das vivendas se desatendan das súas obrigas. Invitou aos concellos galegos a seguir o exemplo dos concellos de Valdeorras, Rubiá, Xunqueira de Ambía, Boiro, Ribeira ou Ponteareas que xa se acolleron á este programa nas dúas convocatorias anteriores.
Outros dous programas deseñados polo IGVS para apoiar aos concellos no fomento da rehabilitación son as axudas para a recuperación de vivendas de mestres, outros colectivos e vivendas de titularidade municipal, dirixidas aos municipios de menos de 20.000 habitantes, nos que existan demandantes de vivenda. Nos últimos tres anos mobilizáronse 3,8 millóns de euros, actuando en case nunha vintena de concellos e que permitiron dispoñer de 41 inmobles e que se elevarán a 80 vivendas, cando se resolva a convocatoria de 2019, dotada de 1,7 millóns de euros.
A terceira vía de colaboración específica para os concellos é a liña de incentivos ao programa de infravivenda, dirixidos aos concellos de menos de 10.000 habitantes para a rehabilitación de inmobles que non reúnen uns requisitos mínimos de habilitabilidade, así como para a rehabilitación de vivendas municipais destinadas aos mesmos fins. Ao abeiro das dúas convocatorias realizadas, a de 2019 estaba dotada con 200.000 euros, 20.000 euros máis que na primeira, concedéronse 33 axudas a 13 concellos.

Doce liñas de axudas e incentivos

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Xunta tamén habilitou incentivos para facilitar a recuperación de inmobles por parte dos seus donos, particulares e promotores. Así -xunto coas tres liñas anteriores-, a Xunta mobilizará en 2019 máis de 30 millóns de euros, a través de máis de 10 liñas de actuación para fomentar a rehabilitación para recuperar e mellorar o patrimonio edificatorio e urbano de Galicia.
Destacou a primeira orde de axudas para a adquisición de vivendas en centros históricos dirixida especificamente ao colectivo de menores de 35 anos, convocada hoxe a través do Diario Oficial de Galicia e que está dotada de 800.000 euros.
Galicia conta coa primeira normativa en materia de rehabilitación
A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Comunidade galega é pioneira en materia de rehabilitación, xa que é a primeira rexión en dispoñer dunha normativa específica en materia de rehabilitación. Indicou que se trata dun exemplo máis da aposta do Goberno galego pola recuperación do patrimonio xa construído.
A Lei de Rehabilitación de Galicia, que entrou en vigor en maio, ten como principio básico que “non hai maior desprotección que o seu abandono”, polo que é imprescindible habilitar un escenario propicio para a rehabilitación edificatoria e a rexeneración urbana, que contribuirá a dar vida aos cascos históricos e aos concellos galegos.
Por último, adiantou que o Consello da Xunta daralle o visto bo a unha instrución sobre a nova lei para garantir que a súa aplicación práctica sexa áxil e homoxénea en toda Galicia. Trátase dunha ferramenta na que se clarificaran conceptos relativos á concesión de licenzas por parte dos técnicos municipais ou ás normas que serán de aplicación directa, co fin de que o novo marco legal cumpra a súa función de simplificación, coordinación e axilidade administrativa á hora de rehabilitar, garantindo á vez a protección do patrimonio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario