O persoal
técnico da Estación Fitopatolóxica aconsella tomar unha serie de precaucións
para previr ao máximo a aparición de podremias nos almacéns
A Estación
Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra,
acaba de publicar un novo aviso fitosanitario co fin de extremar os coidados e
ter precaucións nas labores de colleita para previr ao máximo a aparición de
podremias nos almacéns. O persoal técnico aconsella tomar unha serie de medidas
como retirar os froitos en descomposición caídos ao solo antes de comezar a
colleita, pois poden ser un perigo para as persoas que a fan; evitar facer a
recolección con choiva ou nas primeiras horas da mañá cando a froita aínda está
mollada; arrincar a froita con coidado, mellor co pedúnculo, e procurar non
causar lesións ou feridas; nunca mesturar froita sa con outra con podremias, para
evitar danos por Cydia pomonella,
rachos na pel por moteado, picaduras ou mordeduras, etc., ou manter o lugar de
almacenamento fresco, escuro e ventilado para facilitar a conservación.
No que se refire
ás nespereiras o persoal técnico da
Estación Fitopatolóxica Areeiro advirte que poden sufrir o moteado, que é unha patoloxía que afecta a moitas destas árbores,
sobre todo en anos húmidos. Nestes momentos estas especies teñen a
inflorescencia formada e é nesta época cando convén facer un tratamento cun
produto de cobre para previr a enfermidade. Se hai choivas deberá repetirse a
intervención cando menos despois da formación do froito.
Pola súa banda, en
canto aos cítricos poden estar
afectados por Phytophthora. As precipitacións que se rexistraron na última
semana de setembro (con choiva acumulada nun día na contorna dos 20-30 l/m2 e
máximos de 42-47 l/m2 nalgunha estación meteorolóxica) e primeiros días deste
mes, máis as que se poidan producir desde agora, son condicións favorables ao
desenvolvemento destes fungos. Areeiro advirte que convén aplicar un tratamento
preventivo cun funxicida a base de cobre para protexer ás árbores de posibles
infeccións. Ademais deste tratamento preventivo, no outono–inverno hai que
evitar que se acumule auga no pé da árbore aínda que se produzan choivas
reiteradas e cuantiosas.
Por outro lado,
desde o momento en que aparezan froitos con síntomas de Phytophthora hibernalis, estes deben ser retirados
canto antes tanto da árbore como do chan.
Segundo
comprobaron en Areeiro tamén detectouse problemas de Cydalima perspectalis en sebes.
Aínda quedan algunhas eirugas activas debido ás temperaturas que se rexistran e
maila menor duración do día, que é un dos factores determinantes para que
entren en hibernación. Polo tanto, nas sebes con síntomas recentes, o persoal
da EFA aconsella revisar os gromos para detectar posibles eirugas alimentándose
e valorar así a conveniencia de aplicar un tratamento.
No que se refire
ao buxo, están empezando a verse os
primeiros síntomas de Cylindrocladium
buxicola favorecidos polo incremento da humidade ambiental. Este é un fungo
que, unha vez que infecta unha planta, non é sinxelo de xestionar polo que
nesta época tamén pode aplicarse un tratamento preventivo cun funxicida de
cobre. Ademais, para reducir a incidencia da enfermidade son obrigadas unha
serie de medidas culturais como son retirar frecuentemente as follas secas,
tanto as que se atopan sobre as sebes como as caídas ao chan, garantir no
posible a ventilación das plantas e, no caso de facer algunha poda ou corta,
desinfectar continuamente as tesoiras.
Por último, no que
se refire ás nogueiras, aquelas que
tiveran síntomas e danos provocados por antracnose
pode realizarse un tratamento con cobre á caída da folla para reducir a súa
incidencia de cara ao ano próximo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario