- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra incidiu en que tamén aumentou o volume de noites que estes turistas pasaron na provincia, ata un 5%
- A provincia acada un comportamento positivo con crecementos na cidade de Pontevedra dun 15% en pernoitas e Sanxenxo en case nun 6%
O delegado
territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta
mañá o aumento de viaxeiros aloxados no verán na provincia de Pontevedra, que
creceu nun 4,8%. Así o reflicten os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística
(INE) referentes aos meses de xullo e agosto.
“O comportamento da demanda turística na
provincia foi moi positivo”, segundo explicou Cores Tourís, “non só se
incrementou a cifra de viaxeiros aloxados senón tamén o volume de noites, nun
5% de media. A demanda crece tanto en pensións, como en apartamentos turísticos
(ata un 20% nestes dous casos), en turismo rural e en hoteis”.
O 87% da demanda na provincia corresponde a
establecementos hoteleiros, unha cifra que engloba aos hoteis e as pensións. A
porcentaxe restante fica entre os apartamentos turísticos, cun 9%, e os
establecementos de turismo rural, cun 4%.
Os datos
do INE reflicte como medrou tanto o turismo nacional, un 3,1%, como o internacional,
cunha alza do 10,3%. Este verán é o
mercado receptor nacional o de maior peso na provincia, xa que absorbe o 63% do
total da demanda. O 20% corresponde ao turismo interno e o 17% ao
internacional.
Se
atendemos aos concellos, en relación aos de maior atracción turística no eido
da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, destacar que Sanxenxo contou con 434.445
pernoctas, o que supón unha variación con respecto ao mesmo período de tempo en
2018 de case un 6%. No caso da cidade de Pontevedra, “a evolución é moito
mellor, cun crecemento do 15,1%, con 64.995 noites”, engadiu José Manuel Cores
Tourís.
En termos
autonómicos, a nosa Comunidade rexistrou unha mellora por riba da media estatal
de indicadores asociados á calidade como a rendibilidade dos establecementos
hoteleiros (+4,3% fronte ao 3,3% estatal), a ocupación (+2,46% fronte ao 0,39%
no resto de España) ou a estadía media (+0,3% fronte á caída do 1,6% a nivel
estatal), o que reflicte a consolidación da calidade da oferta turística galega,
que tamén medra en termos cuantitativos.
O
crecemento da demanda hoteleira en Galicia só foi superada por Asturias, un
feito que demostra a capacidade da nosa Comunidade para atraer visitantes con
independencia da climatoloxía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario