A xerente do organismo visitou as instalacións da empresa, onde puxo en valor a calidade no procesado, comercialización e distribución dos produtos da pesca artesanal
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou o certificado que autoriza o uso da marca de garantía da Xunta de Galicia aos responsables de Artesa Rías Baixas, nun acto celebrado nas instalacións da empresa, situadas no Polígono de Barro (Pontevedra).
Nesta xuntanza, a responsable de Galicia Calidade indicou que a obtención do selo de garantía permitirá á empresa incluír a nova sinalización nas súas fachadas e nos seus produtos, ademais de engadir o distintivo nas diferentes accións de promoción comercial.
Artesa Rías Baixas, a través da súa marca comercial Artesa Despensa Atlántica, iniciou a súa actividade nas actuais instalacións hai máis de dous anos, dedicándose ao procesado e posta en valor de produtos procedentes da pesca extractiva artesanal de Galicia. O seu obxectivo é achegar ao mercado produtos das lonxas galegas tratados con mimo e cumprindo todos os requisitos sanitarios e de trazabilidade, ofrecendo un produto exquisito con todas as garantías.
Durante a visita, Ana Méndez recoñeceu o compromiso da compañía coa calidade e a sostibilidade -eixos tamén da política turística da Xunta de Galicia- destacando que conta co selo PescadeRías ¿de onde se non?, da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, unha distinción que garante frescura e a orixe das rías galegas.
En 2024, a empresa facturou 3 millóns de euros e conta con 36 postos de traballo, maioritariamente feminino. Procesa e comercializa produtos como vieira galega, navalla, míllaras de ourizo, volandeira, polbo galego de inverno e bonito de Burela.
O mercado natural dos produtos que procesan é principalmente a restauración galega. Neste sentido, implementaron sistemas de xestión en todos os procesos (abastecemento de produto, procesado, almacenamento, distribución,…) para asegurar o cumprimento das normas sanitarias. A súa dinámica de traballo baséase nun contacto próximo e comprometido tanto co sector primario, como co cliente final.
Sobre Galicia Calidade
Galicia Calidade, dependente de Turismo de Galicia, é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 170 empresas adheridas e máis de 880 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.
No hay comentarios:
Publicar un comentario