A Xunta de Goberno aprobou esta semana as bases do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e das Axudas Básicas de Emerxencia
Os concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna de Pontevedra recibirán ata 670.000 de euros da Deputación de Pontevedra para facer fronte a políticas sociais ao abeiro do Plan de Cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e das Axudas Básicas de Emerxencia para 2025. A Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases destas liñas de axuda que contan cun investimento total próximo aos 4 millóns de euros, 230.000 € máis que o pasado ano.
En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación pon a disposición destes concellos 555.000 euros. Destes, 217.000 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e outros 338.000 euros irán a cubrir os custos do persoal dos Servizos Comunitarios. En concreto, A Lama recibirá un máximo de 48.702 euros, Barro 50.193 €, Caldas de Reis 65.622 €, Campo Lameiro 34.685 €, Cuntis 58.512 €, Moraña 30.298 €, Poio 121.921 €, Ponte Caldelas 67.119 €, Portas 43.178 € e Vilaboa 34.490 €.
No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial pon a disposición dos concellos da contorna de Pontevedra 115.000 euros, para que poidan atender ás demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, A Lama ten dispoñibles ata 10.800 euros, Barro 10.800 €, Caldas de Reis 11.800 €, Campo Lameiro 10.800 €, Cuntis 10.800 €, Moraña 10.800 €, Poio 13.800 €, Ponte Caldelas 12.800 €, Portas 10.800 € e Vilaboa 11.800 €.
As axudas destinaranse a alimentación, vivenda subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, á adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento da reparación e mantemento de vehículos, pagamento de lentes, lentes de contacto e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atencións de carácter complementario e, entre outras, para adquisición de roupa e calzado, axudas ao estudo e de apoio á infancia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario