Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 31 de agosto de 2019

A XUNTA DESTINA 661.300 EUROS PARA A MODERNIZACIÓN DOS ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA




                                                                                                                            
  • O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que máis de 70 establecementos pódense beneficiar das axudas do Goberno galego para realizar melloras de accesibilidade, innovación ou aforro enerxético, 38 deles na provincia de Pontevedra
  • Galicia conta cun total de 907 hoteis e 54.690 prazas dos cales, 407 se atopan na provincia de Pontevedra, que concentra o maior número de estancias, 25.780
  • Sanxenxo é o concello galego con maior número de prazas de hotel, 7.445, o 13,5% da comunidade autónoma

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Cultura e Turismo aporta máis de 661.300 euros a 38 establecementos turísticos da provincia co obxectivo de que poidan realizar melloras de accesibilidade, innovación ou aforro enerxético.

O delegado territorial ofreceu esta rolda de prensa acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, xa que este municipio é o que conta con máis prazas hoteleiras de toda Galicia, 7.445, o que supón un 13,5% do total (54.690 distribuídos en 906 hoteis).

Ademais, é precisamente Sanxenxo, o municipio que verase máis beneficiado por estas axudas, que permitirán levar a cabo obras como a modernización de pechaduras, a supresión de barreiras arquitectónicas, a mellora das climatizacións, a instalación de ascensores, a mellora da imaxe ou o recubrimento de fachadas. En Sanxenxo concedéronse un total de 21 axudas que ascenden a 306.770 euros.

O Grove, con 7 axudas; Vigo con 4;  Poio e Vilanova de Arousa con 2 establecementos cada un, e Bueu e Tomiño con un, completan a lista de concellos con hoteis, cámpings ou apartamentos turísticos que contarán con estas subvencións. “En total, o Salnés beneficiarase de 30 axudas o que ven a demostrar a importancia que o turismo ten para a economía desta comarca”, explicou Cores Tourís.

Deste xeito, a meirande parte das axudas, un 54%, se concentran na provincia de Pontevedra, mentres que máis dun 66% das subvencións se destinan á mellora de hoteis, aínda que tamén acadan ao turismo rural, pensións, cámpings, apartamentos e albergues. En total, esta liña de axudas destina 1,2 millóns de euros que beneficiarán a 70 establecementos e mobilizarán 4 millóns de euros.

Cores Tourís recordou que, segundo os datos que manexa a Consellería de Cultura e Turismo, o número de hoteis galegos medrou máis dun 8% na última década, pasando dos 839 establecementos rexistrados no 2009 aos máis de 900 que existen na actualidade. Deste xeito, os hoteis concentran o 69% da demanda turística da Comunidade, é dicir, que de cada dez pernoitas que realizan os turistas, sete teñen lugar en hoteis.

Ao longo deste tempo, o número de turistas aloxados en establecementos hoteleiros aumentou un 23%, pasando de 3,4 en 2009 a case 4,2 en 2018. Ademais, a cifra de pernoitas que realizaron estivo preto dos 8,5 millóns, o que supón unha suba do 13,7%.

No que respecta á oferta por concellos, Sanxenxo é o que acumula un maior número de prazas hoteleiras seguido de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e O Grove. Por outra banda, o indicador que mide as prazas hoteleiras por cada 100 habitantes amosa que o municipio cunha maior oferta en relación á súa poboación é Mondariz-Balneario, debido “ao pulo do turismo termal”.

O delegado territorial incidiu no feito de que estes datos reflicten o “peso específico” do sector hoteleiro na nosa economía. En concreto, na provincia de Pontevedra cóntase cun total de 407 hoteis, dos cales 3 son de 5 estrelas, 43 de catro e 77 de tres. Isto permite ofrecer un total de 25.780 prazas para visitantes. “Os nosos establecementos turísticos siguen a traballar ano a ano por mellorar as súas instalacións, por modernizarse e, deste xeito, ofrecer o mellor servizo a aqueles que optan por Pontevedra como o seu destino vacacional. Queremos agradecerles así que aposten permanentemente pola mellora da calidade e da competitividade”.

“Esta é tamén a aposta decidida da Xunta de Galicia, en especial, tendo en conta a chegada do Xacobeo 2021, un gran reto no que seguimos a traballar intensamente”, engadiu José Manuel Cores Tourís. “O Goberno autonómico continúa apostando por un turismo vencellado á calidade e á excelencia, así como á profesionalización e á mellora da competitividade do sector  e favorecendo que os nosos viaxeiros queden máis tempo na Comunidade, realicen un maior gasto e xeren máis riqueza”.

A este investimento presentado hoxe para a mellora de establecementos turísticos, compre sumar un millón de euros adicional que a Consellería de Cultura e Turismo xa investiu o pasado 2018 en axudas a 54 empresas do sector para acometer actuacións de melloras en infraestruturas de establecementos turísticos de aloxamento de toda Galicia. Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou, como parte do programa Reforma Tur, 3 millóns de euros dirixidos a 500 establecementos. En conxunto, desde 2018 o Goberno galego está a colaborar coa renovación de uns 625 establecementos cunha partida de 5 millóns de euros.

viernes, 30 de agosto de 2019

OS 34 CONCELLOS QUE SE ADHERIRON AO PROGRAMA “TECENDO LAZOS” ABRIRÁN EN SETEMBRO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NOS OBRADOIROS


        


A iniciativa da Deputación, dirixida a persoas de entre 6 e 99 anos, busca acadar estratexias para o encontro, a sensibilización e o intercambio de aprendizaxes e valores entre xeracións

A relación dos adheridos publicouse hoxe no BOPPO e agora os concellos deberán abrir o prazo de inscrición nun máximo de dez días hábiles

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a relación dos 34 concellos adheridos este ano ao programa da Deputación de Pontevedra “Tecendo Lazos”, unha iniciativa que se desenvolve por cuarto ano consecutivo e que está dirixida a persoas de todas as xeracións, co obxectivo de crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas dos obradoiros ofertados. O programa busca tamén promover valores que creen lazos afectivos entre as persoas participantes, así como facilitar un envellecemento activo ás persoas maiores e, no caso dos máis pequenos e pequenas, que adquiran habilidades novas e empatía cara a outras xeracións.

“Tecendo Lazos 2019”, dirixido a persoas que teñan entre 6 e 99 anos e no que a Deputación inviste nesta edición 60.000 euros, chegará así aos concellos de Poio, Ponte Caldelas, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, A Lama, Vilaboa, Valga, Barro, Portas, Moraña, Gondomar, Vila de Cruces, Forcarei, Bueu, A Illa de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Campo Lameiro, A Guarda, Pontecesures, Salceda de Caselas, A Cañiza, Caldas de Reis, Moaña, Cuntis, Covelo, Meis, Rodeiro, O Rosal, Baiona, Silleda, Ribadumia e O Porriño.

Coa publicación do anuncio no BOPPO, os concellos dispoñen agora dun prazo de dez días hábiles contados a partir deste xoves para abrir o prazo de inscrición nos distintos obradoiros ofertados, co que se prevé que o trámite se leve a cabo a primeiros de setembro. As persoas participantes deberán cubrir o formulario de solicitude que poderán obter no seu concello o na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal). Do mesmo xeito, a relación de concellos e a temática do obradoiro escollida por estes figura na páxina web corporativa da institución provincial: www.depo.gal.

No que respecta aos obradoiros, o máis solicitado, cun total de 11 peticións, é “Risos en familia”, que busca crear un espazo no que as persoas participantes aprendan a rir en contornas familiares. Pola súa banda, a acción “Faino ti”, que é un taller de expresión plástica e traballo manual con obxectos reciclados e reutilizados, foi aprobado para 10 concellos. No caso de “Xogos e xoguetes tradicionais”, concedeuse a un total de 8 concellos e nel, as persoas participantes non só compartirán xogos tradicionais cos que xogaban as máis maiores, senón que deberán construílos e ao contrario: as cativas e cativos tamén lle poderán ensinar ás xeracións maiores os xoguetes cos que xogan agora. Por último, 6 concellos da provincia impartirán o obradoiro “O noso son: bailes de agora e de sempre”, que traerá á actualidade os bailes e cancións típicas da zona.

Ao igual que na pasada edición, os obradoiros contarán co módulo “A historia do meu concello” no que se darán a coñecer lendas, historias, contos ou fotografías de cada concello para promover a transmisión de coñecementos, por unha banda, e a participación conxunta, pola outra. As persoas participantes de cada obradoiro elaborarán un proxecto final no que plasmarán todo o que aprenderon sobre a súa vila. Poderán ser en formato dossier, vídeo, audio ou maqueta/mural. Das 16 horas de duración dos obradoiros, dedicaránselle a este módulo un mínimo de 4. A Deputación organizará un concurso entre todos estes traballos e as persoas que elaboren o gañador recibirán un agasallo institucional e 50 copias da súa obra.

O pasado ano 2018 realizáronse un total de 21 obradoiros, nos que participaron preto de catrocentas persoas, cunha media de 18 alumnos e alumnas en cada uno.
 

jueves, 29 de agosto de 2019

preto de 90 establecementos de toda galicia participarán no 13º ‘outono gastronómico en turismo rural’ impulsado pola xunta



§   O conselleiro de Cultura e Turismo presentou en Pontevedra a nova edición deste evento que se desenvolverá entre o 13 de setembro e o 15 de decembro
§   Trátase dunha actividade na que os negocios participantes ofrecen, ademais de aloxamento, menús elaborados con produtos galegos de temporada
§   Entre as novidades deste ano destaca ‘Outono Plus’, unha opción que inclúe actividades como rutas de sendeirismo, visitas guiadas e ata un escape room
§   Román Rodríguez asegurou que esta iniciativa “favorece a dinamización do noso rural” e a desestacionalización e descentralización dos fluxos turísticos
§   Recordou que desde a súa posta en marcha, participaron máis de 64.000 persoas  e os establecementos adheridos facturaron preto de 4 millóns de euros

Preto de 90 establecementos de turismo rural das catro provincias participarán na 13ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural, unha actividade impulsada pola Xunta e que hoxe presentaron en Pontevedra o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o delegado territorial do Goberno galego nesa provincia, José Manuel Cores Tourís.

Ademais de aloxamento, os establecementos que participarán nesta actividade –que se desenvolverá entre o 13 de setembro e o 15 de decembro– ofrecerán diferentes menús elaborados con produtos galegos de temporada. Ademais, como novidade este ano, inclúese a posibilidade de realizar, no seu caso, actividades como paseos a cabalo, rutas de sendeirismo, visitas a adegas ou lugares de interese paisaxístico ou cultural como o Pórtico da Gloria, actividades deportivas como surf ou rafting, circuítos termais ou mesmo un escape room, grazas á nova oferta Outono Plus.

O titular de Cultura e Turismo subliñou a importancia desta iniciativa por entender que “encaixa perfectamente” no modelo turístico que defende o Goberno galego, baseado na desestacionalización da demanda turística, atraendo visitantes durante todo o ano, e pola descentralización de fluxos cara toda Galicia, especialmente ás zonas do rural. Neste sentido, salientou que grazas ao Outono Gastronómico en turismo rural, as persoas que se acheguen aos establecementos participantes poderán gozar “dos mellores produtos de temporada da nosa gastronomía”, ao tempo que favorecen a actividade dos sectores produtivos do rural e a creación de emprego de calidade.

Éxito de público e para os negocios participantes
Román Rodríguez explicou que os datos avalan a “fórmula exitosa” desta actividade. No que respecta á última edición, preto de 5.000 persoas decidiron achegarase a algún dos 86 establecementos adheridos, xerando un volume de facturación superior aos 300.000 euros. Con todo, desde que botou a andar esta proposta en 2017 a cifra de participantes superou os 64.000 e o volume de negocio dos establecementos roldou os 4 millóns de euros. Ademais, os negocios participantes cualificaron cun 4,7 sobre 5 a súa experiencia neste evento e nove de cada dez amosáronse partidarios de repetir a experiencia.

No tocante a esta 13ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural, participarán un total de 86 establecementos de turismo rural, 24 na Coruña, 22 en Pontevedra e 20 en Lugo e Ourense que ofrecerán menús de entre 30 e 300 euros. Entre as modalidades que ofertarán para gozar desta actividade en parella, en familia ou con amigos figura o Menú Outono Gastronónico –sen pasar a noite–, o Paquete Outono Gastronómico para unha noite, o Fin de Semana Outono Gastronómico para dúas noites o Fin de semana famiiar Outono Gastronómico para dúas noites con nenos.

Crecemento do 12%
Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, boa parte do éxito desta iniciativa débese “ao bo facer dos nosos establecementos de turismo rural”, unha tipoloxía de aloxamento que durante o primeiro semestre do ano experimentou un incremento de preto do 12% na súa cifra de viaxeiros en toda Galicia, aínda maior na provincia de Pontevedra, onde foi de preto do 20%.  

Román Rodríguez destacou que estas cifras reflicten a capacidade dos distintos establecementos para “renovar a súa oferta”, así como a aposta do Goberno galego por impulsar esta modalidade de aloxamento, que se concretará na nova Estratexia de Turismo Rural que prepara o Goberno galego e que inclúe unha clasificación por estrelas para este tipo de establecementos, ao igual que sucede co resto de tipoloxías.