§ O conselleiro de Cultura e Turismo presentou en Pontevedra a nova
edición deste evento que se desenvolverá entre o 13 de setembro e o 15 de
decembro
§ Trátase dunha actividade na que os negocios participantes ofrecen,
ademais de aloxamento, menús elaborados con produtos galegos de temporada
§ Entre as novidades deste ano destaca ‘Outono Plus’, unha opción que inclúe
actividades como rutas de sendeirismo, visitas guiadas e ata un escape room
§ Román Rodríguez asegurou que esta iniciativa “favorece a dinamización
do noso rural” e a desestacionalización e descentralización dos fluxos turísticos
§ Recordou que desde a súa posta en marcha, participaron máis de 64.000
persoas e os establecementos adheridos facturaron
preto de 4 millóns de euros
Preto de 90 establecementos de turismo rural das catro provincias participarán
na 13ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural, unha actividade
impulsada pola Xunta e que hoxe presentaron en Pontevedra o conselleiro de
Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o delegado territorial do Goberno galego
nesa provincia, José Manuel Cores Tourís.
Ademais de
aloxamento, os establecementos que participarán nesta actividade –que se
desenvolverá entre o 13 de setembro e o 15 de decembro– ofrecerán diferentes
menús elaborados con produtos galegos de temporada. Ademais, como novidade este
ano, inclúese a posibilidade de realizar, no seu caso, actividades como paseos
a cabalo, rutas de sendeirismo, visitas a adegas ou lugares de interese
paisaxístico ou cultural como o Pórtico da Gloria, actividades deportivas como
surf ou rafting, circuítos termais ou mesmo un escape room, grazas á nova oferta
Outono Plus.
O titular de
Cultura e Turismo subliñou a importancia desta iniciativa por entender que
“encaixa perfectamente” no modelo turístico que defende o Goberno galego,
baseado na desestacionalización da demanda turística, atraendo visitantes
durante todo o ano, e pola descentralización de fluxos cara toda Galicia,
especialmente ás zonas do rural. Neste sentido, salientou que grazas ao Outono Gastronómico en turismo rural, as
persoas que se acheguen aos establecementos participantes poderán gozar “dos
mellores produtos de temporada da nosa gastronomía”, ao tempo que favorecen a
actividade dos sectores produtivos do rural e a creación de emprego de
calidade.
Éxito de público e para os negocios
participantes
Román
Rodríguez explicou que os datos avalan a “fórmula exitosa” desta actividade. No
que respecta á última edición, preto de 5.000 persoas decidiron achegarase a
algún dos 86 establecementos adheridos, xerando un volume de facturación
superior aos 300.000 euros. Con todo, desde que botou a andar esta proposta en
2017 a cifra de participantes superou os 64.000 e o volume de negocio dos
establecementos roldou os 4 millóns de euros. Ademais, os negocios
participantes cualificaron cun 4,7 sobre 5 a súa experiencia neste evento e nove
de cada dez amosáronse partidarios de repetir a experiencia.
No tocante a
esta 13ª edición do Outono Gastronómico
en Turismo Rural, participarán un total de 86 establecementos de turismo
rural, 24 na Coruña, 22 en Pontevedra e 20 en
Lugo e Ourense que ofrecerán menús de entre 30 e 300 euros. Entre as
modalidades que ofertarán para gozar desta actividade en parella, en familia ou
con amigos figura o Menú Outono
Gastronónico –sen pasar a noite–, o Paquete
Outono Gastronómico para unha noite, o Fin
de Semana Outono Gastronómico para dúas noites o Fin de semana famiiar Outono Gastronómico para dúas noites con
nenos.
Crecemento do 12%
Segundo o
conselleiro de Cultura e Turismo, boa parte do éxito desta iniciativa débese
“ao bo facer dos nosos establecementos de turismo rural”, unha tipoloxía de
aloxamento que durante o primeiro semestre do ano experimentou un incremento de
preto do 12% na súa cifra de viaxeiros en toda Galicia, aínda maior na
provincia de Pontevedra, onde foi de preto do 20%.
Román
Rodríguez destacou que estas cifras reflicten a capacidade dos distintos
establecementos para “renovar a súa oferta”, así como a aposta do Goberno
galego por impulsar esta modalidade de aloxamento, que se concretará na nova
Estratexia de Turismo Rural que prepara o Goberno galego e que inclúe unha
clasificación por estrelas para este tipo de establecementos, ao igual que
sucede co resto de tipoloxías.
No hay comentarios:
Publicar un comentario