A XUNTA DESTINA 661.300 EUROS PARA A MODERNIZACIÓN DOS ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 31 de agosto de 2019

A XUNTA DESTINA 661.300 EUROS PARA A MODERNIZACIÓN DOS ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA




                                                                                                                            
  • O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que máis de 70 establecementos pódense beneficiar das axudas do Goberno galego para realizar melloras de accesibilidade, innovación ou aforro enerxético, 38 deles na provincia de Pontevedra
  • Galicia conta cun total de 907 hoteis e 54.690 prazas dos cales, 407 se atopan na provincia de Pontevedra, que concentra o maior número de estancias, 25.780
  • Sanxenxo é o concello galego con maior número de prazas de hotel, 7.445, o 13,5% da comunidade autónoma

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Cultura e Turismo aporta máis de 661.300 euros a 38 establecementos turísticos da provincia co obxectivo de que poidan realizar melloras de accesibilidade, innovación ou aforro enerxético.

O delegado territorial ofreceu esta rolda de prensa acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, xa que este municipio é o que conta con máis prazas hoteleiras de toda Galicia, 7.445, o que supón un 13,5% do total (54.690 distribuídos en 906 hoteis).

Ademais, é precisamente Sanxenxo, o municipio que verase máis beneficiado por estas axudas, que permitirán levar a cabo obras como a modernización de pechaduras, a supresión de barreiras arquitectónicas, a mellora das climatizacións, a instalación de ascensores, a mellora da imaxe ou o recubrimento de fachadas. En Sanxenxo concedéronse un total de 21 axudas que ascenden a 306.770 euros.

O Grove, con 7 axudas; Vigo con 4;  Poio e Vilanova de Arousa con 2 establecementos cada un, e Bueu e Tomiño con un, completan a lista de concellos con hoteis, cámpings ou apartamentos turísticos que contarán con estas subvencións. “En total, o Salnés beneficiarase de 30 axudas o que ven a demostrar a importancia que o turismo ten para a economía desta comarca”, explicou Cores Tourís.

Deste xeito, a meirande parte das axudas, un 54%, se concentran na provincia de Pontevedra, mentres que máis dun 66% das subvencións se destinan á mellora de hoteis, aínda que tamén acadan ao turismo rural, pensións, cámpings, apartamentos e albergues. En total, esta liña de axudas destina 1,2 millóns de euros que beneficiarán a 70 establecementos e mobilizarán 4 millóns de euros.

Cores Tourís recordou que, segundo os datos que manexa a Consellería de Cultura e Turismo, o número de hoteis galegos medrou máis dun 8% na última década, pasando dos 839 establecementos rexistrados no 2009 aos máis de 900 que existen na actualidade. Deste xeito, os hoteis concentran o 69% da demanda turística da Comunidade, é dicir, que de cada dez pernoitas que realizan os turistas, sete teñen lugar en hoteis.

Ao longo deste tempo, o número de turistas aloxados en establecementos hoteleiros aumentou un 23%, pasando de 3,4 en 2009 a case 4,2 en 2018. Ademais, a cifra de pernoitas que realizaron estivo preto dos 8,5 millóns, o que supón unha suba do 13,7%.

No que respecta á oferta por concellos, Sanxenxo é o que acumula un maior número de prazas hoteleiras seguido de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e O Grove. Por outra banda, o indicador que mide as prazas hoteleiras por cada 100 habitantes amosa que o municipio cunha maior oferta en relación á súa poboación é Mondariz-Balneario, debido “ao pulo do turismo termal”.

O delegado territorial incidiu no feito de que estes datos reflicten o “peso específico” do sector hoteleiro na nosa economía. En concreto, na provincia de Pontevedra cóntase cun total de 407 hoteis, dos cales 3 son de 5 estrelas, 43 de catro e 77 de tres. Isto permite ofrecer un total de 25.780 prazas para visitantes. “Os nosos establecementos turísticos siguen a traballar ano a ano por mellorar as súas instalacións, por modernizarse e, deste xeito, ofrecer o mellor servizo a aqueles que optan por Pontevedra como o seu destino vacacional. Queremos agradecerles así que aposten permanentemente pola mellora da calidade e da competitividade”.

“Esta é tamén a aposta decidida da Xunta de Galicia, en especial, tendo en conta a chegada do Xacobeo 2021, un gran reto no que seguimos a traballar intensamente”, engadiu José Manuel Cores Tourís. “O Goberno autonómico continúa apostando por un turismo vencellado á calidade e á excelencia, así como á profesionalización e á mellora da competitividade do sector  e favorecendo que os nosos viaxeiros queden máis tempo na Comunidade, realicen un maior gasto e xeren máis riqueza”.

A este investimento presentado hoxe para a mellora de establecementos turísticos, compre sumar un millón de euros adicional que a Consellería de Cultura e Turismo xa investiu o pasado 2018 en axudas a 54 empresas do sector para acometer actuacións de melloras en infraestruturas de establecementos turísticos de aloxamento de toda Galicia. Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou, como parte do programa Reforma Tur, 3 millóns de euros dirixidos a 500 establecementos. En conxunto, desde 2018 o Goberno galego está a colaborar coa renovación de uns 625 establecementos cunha partida de 5 millóns de euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario