§
A Consellería de Medio
Ambiente, Territorio e Vivenda destina este ano 1,6 millóns de euros a dúas
liñas de subvención para mozos dirixidas á adquisición de inmobles en centros
históricos ou concellos de menos de 5.000 habitantes
§
O prazo para a presentación
das solicitudes remata o vindeiro 31 de outubro e os beneficiarios poderán
recibir ata 12.800 euros por vivenda
Os menores de
35 anos interesados en comprar unha vivenda poderán beneficiarse este ano das
axudas da Xunta nun total de 32 concellos de Pontevedra, algo máis da metade
dos municipios que hai na provincia. A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS),
convocou dúas liñas de subvencións dirixidas especificamente aos mozos: unha
para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes e a
outra, para a compra en cascos históricos.
O prazo para
presentar as solicitudes a ambos programas estará aberto ata o vindeiro 31 de
outubro e conxuntamente dispoñen dunha dotación global de 1,6 millóns de euros
para a convocatoria deste ano.
No caso de Pontevedra, 23 dos 61 concellos da
provincia teñen menos de 5.000 habitantes, polo que en todos eles os menores de
35 anos interesados en adquirir unha vivenda poderán beneficiarse dunha destas
liñas de subvención.
Ademais, noutros nove concellos pontevedreses
tamén se pode solicitar a axuda para adquisición de vivenda en centros
históricos ao estar incluídos na lista correspondente. Son, concretamente, os
de Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Marín, Poio, Pontevedra, Tui, Vigo e
Vilagarcía de Arousa.
Adquisición en centros históricos
A axuda destinada a fomentar a adquisición de
vivendas en centros históricos por parte do colectivo de menores de 35 anos está
dotada para este ano cun orzamento global de 800.000 euros.
As vivendas para as que se solicite a axuda deberán
cumprir coas seguintes condicións:
- Estar emprazada nun centro histórico dos enumerados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se convocou esta liña de subvencións.
- Que se trate dunha vivenda xa construída, tanto nova como usada.
- O prezo de adquisición non superará ao dunha vivenda protexida de 120 metros cadrados, de réxime concertado, no mesmo concello. Se a vivenda dispón de garaxe e/ou rocho, o prezo máximo incrementarase nun 8% e nun 2% respectivamente. Isto supón que o prezo máximo dunha vivenda con garaxe e rocho na cidade de Pontevedra será de 234.131 euros e no resto de municipios desta provincia, de 180.100 euros.
O IGVS subvencionará con ata 12.800 euros a adquisición
de vivenda por parte de menores de 35 anos nos centros históricos das sete
grandes cidades e con ata 10.800 se a vivenda se empraza na zona monumental de
calquera outro concello galego. O importe da axuda non poderá superar, en todo
caso, o 20% do prezo de adquisición.
Adquisición en concellos de menos de 5.000 habitantes
En canto á liña de axudas destinada a fomentar a
adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por parte de menores
de 35 anos, tamén está dotada para este ano cun orzamento global de 800.000
euros.
As condicións que deben cumprir as vivendas neste
caso son:
- Estar emprazada nun concello de menos de 5.000 habitantes.
- Que se trate dunha vivenda xa construída, tanto nova como usada.
- O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.
Neste caso, o importe máximo das
axudas será de 10.800 euros, sen que poidan superar o 20% do custo da vivenda.
Condicións para ser beneficiario
Para poder acceder a calquera destas dúas convocatorias,
os interesados deberán ter menos de 35 anos de idade na data de presentación da
solicitude, acreditar a súa nacionalidade española ou que ten residencia legal no
país, subscribir un contrato privado ou unha escritura pública de compra con
posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano, e dispoñer duns ingresos anuais, por
parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia, iguais ou inferiores a
tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem).
Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a catro
ou cinco veces o Iprem no caso de familias numerosas e persoas con
discapacidade.
Todos os beneficiarios destas dúas liñas de
axudas para adquisición de vivenda deberán destinar o inmoble en cuestión á súa
residencia habitual e permanente durante un mínimo de cinco anos desde a
formalización da operación de compra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario